O papel da escultura contemporánea en Galicia no século XX e na actualidade, a debate no Museo de Pontevedra

O Edificio Castelao acolle o vindeiro xoves 19 un seminario con dúas conferencias, unha mesa redonda e unha visita á exposición ‘Silverio Rivas. Eloxio do silencio’ guiada polo artista e a comisaria

14/01/2023

Exposición ‘Silverio Rivas. Eloxio do silencio’

O Museo de Pontevedra organiza, en colaboración da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, o seminario ‘A escultura galega contemporánea. Estado da cuestión’. Desenvolverase o xoves 19 de xaneiro de 16:30 a 20:30 horas no Edificio Castelao, con acceso libre e de balde. Esta xornada de reflexión e debate organízase con motivo da exposición Eloxio do silencio, que o Museo lle dedica a Silverio Rivas.

O seminario trata de abordar como evolucionou a escultura contemporánea en Galicia no século XX e cal é a situación da formación e o traballo escultórico na actualidade, ademais de revisar a obra de Silverio Rivas. Faino a través de dúas conferencias a cargo do profesor Miguel Anxo Rodríguez e da comisaria da exposición Silverio Rivas. Eloxio do silencio, Beatriz de San Ildefonso, e unha mesa redonda coas artistas Amaya González Reyes, Basilisa Fiestras e Javier Tudela, moderada polo decano da Facultade de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán. A responsable da Área de Coleccións do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, será a encargada de presentar o seminario, que concluirá cunha visita á exposición, guiada pola comisaria e polo propio artista.

O seminario abordará tanto a recepción en Galicia das discusións que tiveron lugar sobre a escultura no ámbito internacional durante o século XX, como os desprazamentos da disciplina nas últimas décadas. Miguel Anxo Rodríguez, profesor de Historia da arte na Universidade de Santiago de Compostela, pronunciará a conferencia ‘Breve historia da escultura contemporánea en Galicia’. Nela partirá dos debates actuais en torno á arte no espazo público para revisar cento cincuenta anos de escultura en Galicia. Desde as obras que trataban de resignificar as prazas e alamedas das vilas do XIX ata a análise dos procesos de traballo e os materiais usados na actualidade, nunha disciplina que se escinde entre o e espazo expositivo e o espazo público urbano.

A mesa redonda ‘Falar da escultura hoxe’ reunirá a Amaya González Reyes, artista e profesora de Debuxo en educación secundaria e Basilisa Fiestras e Javier Tudela, ambos artistas e profesores do departamento de Escultura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Xosé Manuel Buxán Bran, decano da facultade, encargarase de moderar un debate que pretende reflexionar sobre a formación e o traballo escultórico na actualidade, sobre o lugar da escultura no contexto expositivo galego e internacional e sobre as perspectivas de futuro ante a disolución das fronteiras disciplinares.

Na conferencia ‘Eloxio do silencio. Unha achega a Silverio Rivas’, Beatriz de San Ildefonso analizará a traxectoria de Silverio Rivas (Ponteareas, 1942) a través dun percorrido polas súas obras desde os inicios na abstracción ata a actualidade. A obra de Silverio é o resultado dun respectuoso diálogo coa materia que o vai guiando no proceso de creación. Un traballo reflexivo que leva a cabo na soidade e o silencio dos seus diferentes talleres.

Visita guiada

O seminario ofrece tamén a posibilidade visitar a exposición Silverio Rivas. Eloxio do silencio da man do propio artista e da comisaria. Será ás 19.30 horas, para poñer peche á xornada. A mostra, que se pode visitar ata o 5 de febreiro, presenta arredor de 60 pezas de Silverio Rivas (nacido en Ponteareas en 1942), que cobren a súa obra desde os inicios na abstracción nos anos 70 do pasado século ata os seus traballos actuais, entre as estruturas xeométricas e a creación a partir de obxectos cotiáns atopados ao azar.

A selección de obras inclúe o seu traballo con materiais tan diversos como o granito, o bronce, a madeira, a cerámica ou o aceiro, entre outros, e o seu uso de solucións como a ensamblaxe, as esculturas articuladas, o pulido perfecto das pezas e a apertura de ocos e fisuras. Unha parte moi importante das obras expostas provén da colección do propio artista e de varias coleccións particulares. A isto súmanse esculturas cedidas por museos e entidades: CGAC, Consorcio Zona Franca de Vigo, Afundación, Abanca e Museo Municipal de Vigo Quiñones de León.

Galerias de imaxes