O Museo pecha 2022 coa mellor cifra absoluta na última década
As cifras amosan unha subida de 47.000 persoas fronte ao ano pasado, cando xa se rexistraran datos de récord durante o verán
04/01/2023
O Museo de Pontevedra segue o seu camiño de consolidarse como un dos centros de arte máis atractivos do país, un feito que demostra o número de visitantes acadado no último ano. O exercicio de 2022 foi moi bo estatisticamente, superando as cifras anuais da última década con 173.868 visitantes, acadando a cuarta posición na evolución dende o 2005 e quedando ás portas do 2009, cando se chegara a 175.823 visitas.
As cifras superan amplamente as da pandemia e tamén as dos anos inmediatamente anteriores, chegando incluso a duplicar as de 2019. Con respecto ao ano anterior, 2021 (126.775), os datos do pasado 2022 amosan un crecemento de máis de 47.000 persoas. Os mellores meses foron outra vez agosto -no que se rexistrou o récord absoluto da década-, chegando ás 43.755 entradas, e tamén setembro (26.213), xullo (22.299) e outubro (19.149), acadando números moi interesantes e sensiblemente superiores ao facer a comparativa en toda a década previa. Os meses de menor visita foron febreiro e decembro, algo que se mantén noutros exercicios.
Segundo subliña o director Xosé Manuel Rey, un dos aspectos que supuxo un incremento significativo con respecto ao ano anterior foi a recuperación das visitas de grupos organizados, tanto escolares como doutra índole, de volta logo das restricións da pandemia. Neste sentido, mentres no ano anterior apenas entraran no Museo 2.355 escolares, no 2022 a cifra chegou a 8.436, case cuadriplicándose. A evolución dos grupos non escolares tamén supuxo un pulo: fronte ás 2.770 persoas que entraron en excursións organizadas ou similares en 2021, no pasado exercicio foron 7.820, sendo setembro e outubro os meses máis destacados para este tipo de visitas.
Os datos tamén son positivos ao ver as persoas non organizadas en grupos, as visitas ‘individuais’, con 34.582 asistentes, chegando á terceira mellor cifra desta categoría dende 2013 (41.885) e 2014 (51.810). Neste caso, chama a atención o número de entradas rexistrada en xaneiro do pasado ano, cando accederon aos edificios abertos do Museo 4.163 persoas, a cifra máis alta de todo o ano salvando o mes de agosto, por diante de setembro (4.036), de outubro (3.736) e xullo (3.167).
Por procedencia, o número de visitantes totais dos edificios Castelao e Sarmiento foi de 51.560 persoas, tendo a súa procedencia en Galiza 34.721, no resto do estado 12.438 e no estranxeiro 4.401, sendo as máis numerosas as visitas chegadas de Portugal, Francia, Estados Unidos, Reino Unido e Alemaña. Nas Ruínas de San Domingos acadáronse 111.662 visitas, sendo o segundo ano máis numeroso dende 2004 (primeira vez que se contabilizaban os datos), logo de 2010, con 130.491 visitantes.
Como xa se adiantara, no ano a exposición de maior éxito foi a de ‘Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia’, aberta entre o 4 de agosto e o 23 de outubro, con 14.402 visitas, seguida de ‘Arte prehistórica. Da rocha ao Museo’, con 10.053 persoas; ‘A presenza invisible. Perfumes, Art Nouveau & Art Decó’, con 4.150 e ‘De Babiano Méndez Núñez a Mendoza Babiano (...)’, con 4.096 visitas. Tamén se realizaron outras mostras moi significativas na entrada de 2022 (apenas 23 días do mes de xaneiro), como ‘Origame, de papel a obra de arte’ que chegou a 12.214 persoas, ou ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921’ que acadou 4.542 persoas. Baixo eses número estivo ‘Voilá la femme. XXV aniversario’, con 2.794 visitas.
Por outra parte, no respecto ás exposicións temporais abertas no último período do ano e aínda dispoñibles para o público este mes de xaneiro, ‘Sombras Atlánticas. Retratos da arte galega’ con imaxes de Anxo Cabada recibiu 2.647 persoas dende a súa inauguración ata final de ano, mentres que o número de visitantes para a exposición ‘Silverio Rivas: a natureza como referente’ ascende a 1.854 persoas ata 31 de decembro.