Música clásica e contemporánea, clown, obradoiros infantís e visitas guiadas ás exposicións na programación de Nadal do Museo de Pontevedra

A inscrición nas actividades de capacidade limitada abrirase o vindeiro luns 19 de decembro

14/12/2022

Programación de Nadal no Museo

O Museo de Pontevedra organiza a partir desta semana unha completa programación de Nadal con actividades dirixidas a todos os públicos. Ábrese este  venres cun concerto do cuarteto de saxofóns Val Sax Cuartet, e continuará cunha gala de música clásica, un espectáculo multidisciplinar interpretando a Mozart e  a música entre o folk e o contemporáneo de Trilitrate. Ademais, haberá obradoiros para nenas e nenos e visitas guiadas ás exposicións abertas. Todas as actividades celebraranse no Edificio Castelao e son de balde e só os obradoiros requiren inscrición previa.

A programación iniciarase o venres ás sete da tarde co concerto de Val Sax Cuartet, un cuarteto de saxofóns saído do Centro Superior de Música de Galicia. Adrián Pais, Sara Magariños, Pablo Castaño e Sergio Piñeiro interpretarán música de cámara francesa dos séculos XIX e XX: obras de Eugène Bozza, Alfred Desenclos, Alfred Reinhart e Claude Debussy.

A programación de concertos continuará o próximo martes 20 de decembro ás 19 horas coa gala de nadal do Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra, con actuacións a cargo do alumnado deste centro formativo da cidade.

O martes 27 ás 19 horas a música e o circo mesturaranse en ‘Divertimento!’, un espectáculo que achega as obras de Mozart ao público familiar a través do humor, a cargo de Cuarteto Alicerce e Alfredo Pérez. Á musica de Jorge Montes (violín), Roberto Santamarina (violín), María José Pámpano (viola) e Carlos García Amigo (cello), únense as acrobacias, a danza e o teatro xestual do artista de clown Alfredo Pérez, para encher de emoción, xogo, diversión e tenrura as melodías do famoso compositor austríaco.

O último dos concertos do programa de nadal será o de Trilitrate o martes 3 de xaneiro. O trío de Vigo formado por Elena Vázquez ao violín, Marcos Padrón ao acordeón e Rubén Abad á guitarra e a voz, visita xeografías musicais distantes como a africana ou otomá e traspasan a experiencia barroca e impresionista do século XXI na procura de novas sonoridades.
Trátase dunha proposta orixinal que desdebuxa as liñas existentes entre a música tradicional, e o clásico, a música étnica, a contemporánea, o jazz ou o hardcore; entre outras. O espectáculo conta con animacións e videocreacións en tempo real, nas que se incluirán as pezas feitas por nenas e nenos nun obradoiro que se celebrará no Museo esa mesma tarde.

Obradoiros infantís

O equipo educativo do Museo ofrece os días 27, 28, 29 e 30 de decembro de 11:30 a 13 horas catro obradoiros titulados ‘Io, Saturnalia: os mellores días’, nos que as nenas e os nenos participantes de 6 a 10 anos traballarán arredor da festa das Saturnais, celebración romana que tiña lugar no mes de decembro. A actividade conta con 15 prazas dispoñibles cada día.

O 3 de xaneiro ás 17 h celebrarase un obradoiro de ‘collages’ translúcidos a cargo da artista visual Motnse Piñeiro. As creacións resultantes formarán parte do concerto de Trilitrate que se celebrará ese mesmo día ás 19 horas. Este obradoiro conta con 12 prazas para nenas e nenos a partir de 8 anos, que deberán asistir en compañía dunha persoa adulta.

A inscrición aos obradoiros ábrese o 19 de decembro e pode realizarse a través do correo reservas.museo@depo.gal, indicando nome e apelidos da nena ou neno, idade e teléfono de contacto. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición.

Visitas guiadas ás exposicións

Durante este Nadal o Museo ten abertas dúas exposicións no Edificio Castelao. ‘Silverio Rivas. Eloxio do silencio’, ata o 5 de febreiro, repasa a traxectoria dun dos artistas clave da escultura galega contemporánea con pezas destacadas de todas as súas etapas. A exposición conta con visitas guiadas todos os sábados ás 12 horas.

A mostra ‘Sombras atlánticas. Retratos da arte galega’, visitable ata o 15 de xaneiro, reúne unha serie de fotografías de artistas actuais tomadas por Anxo Cabada. O propio fotógrafo realizará visitas guiadas á mostra os xoves 22 e 29 de decembro ás 18 horas. Os demais xoves ofreceranse a esa mesma hora claves para a interpretación da exposición.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.