O Museo abre este venres a exposición fotográfica “Sombras atlánticas. Retratos da arte galega” de Anxo Cabada con varias xeracións de artistas do país como protagonistas

A exposición, con imaxes en branco e negro de 34 creadoras como Menchu Lamas, Francisco Leiro, Carme Nogueira ou Din Matamoro, poderá visitarse no Edificio Castelao ata o 15 de xaneiro

01/11/2022

Sombras atlánticas

Un diálogo coas persoas creadoras da beleza do país: ese é o desafío que presenta ‘Sombras atlántica. Retratos da arte galega’, unha exposición na que o fotógrafo Anxo Cabada se centra nalgúns dos rostros da pintura e a escultura que marcaron o devir da arte en Galicia nos últimos 50 anos. A mostra inaugurarase o próximo venres 4 de novembro ás 19.00 h, e poderá visitarse ata o 15 de xaneiro no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

A exposición reúne retratos en branco e negro de 34 artistas de distintas xeracións, modalidades artísticas e territorios, todas e todos con nacemento ou residencia en Galicia. As fotografías foron tomadas co mesmo pano de fondo, como un escenario teatral que homenaxea aos primeiros fotógrafos e que serve para dar coherencia ao conxunto de imaxes da exposición, que se relacionan entre si.

Na mostra atópanse persoas creadoras que despuntaron nos 70, como Silverio Rivas, Jorge Castillo, Acisclo Manzano ou Buciños, e que pertenceron ou se vincularon ao grupo Atlántica, que na década dos 80 contribuíu a reactivar as artes plásticas en Galicia e darlles presenza no exterior: Menchu Lamas, Antón Lamazares, Antón Patiño, Ánxel Huete, Xosé Freixanes, Xabier Correa Corredoira, Ignacio Basallo, Din Matamoro... Tamén continuadoras da renovación da escultura galega, como Francisco Leiro, Soledad Penalta ou Manolo Paz.

Naquelas xeracións a visibilidade de mulleres artistas era reducida, algo que cambiou nas últimas décadas e que queda ben reflectido nesta mostra, na que case a metade dos retratos son de mulleres artistas, como Almudena Fernández Fariña, Mónica Alonso, Carme Nogueira, Pamen Pereira, Tatiana Medal, Lula Goce, Elena Fernández Prada  ou Sula Repani.

Anxo Cabada, fotógrafo e profesor, é natural de Sabucedo (A Estrada). Leva catro décadas fotografando o territorio galego en proxectos nos que abordou diferentes temáticas como, entre outras, o mar en ‘Mareagrafías’ (2005), a terra en ‘Terragrafías’ (2009) e as vilas galegas en ‘Vilagrafías’ (2012), unha proposta literario-fotográfica. En ‘O imaxinario do país’ (2018) Cabada retratou as escritoras e escritores galegos, un proxecto que precedeu este “Sombras atlánticas’, centrado agora nos e nas que crean a beleza, os e as artistas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.