A Deputación leva ata Sanxenxo a mostra “Cines de Pontevedra”, na que recupera a memoria e a ilusión das antigas salas da provincia
A exposición poderá verse na Sala Nauta entre o 25 de outubro e o 17 de novembro
21/10/2024
Tras estar exposta no vestíbulo do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra, no Concello de Salvaterra e no da Estrada, a mostra “Cines de Pontevedra. Memoria dunha ilusión” continúa a súa viaxe pola provincia cunha nova parada en Sanxenxo. A exposición poderá verse na Sala Nauta entre o 25 de outubro e o 17 de novembro.
A mostra promovida pola Deputación busca recuperar os recordos dos vellos cines, daqueles de sala única que se espallaron ao longo do século XX polas cidades, vilas e localidades da provincia e que, salvo contadas excepcións, pertencen xa ao pasado. Desta maneira, recupera testemuños da importancia social e cultural que tiña ir ao cine, desde os espazos e arquitecturas que foron acollendo o espectáculo ao conxunto de actividades, prácticas sociais e relacións artelladas nos tempos en que o cine era a principal forma de ocio, e tamén a máis barata. Ademais de restos materiais das vellas salas e dos documentos de arquivo, as vivencias arredor do espectáculo do cine subsisten na memoria e nos recordos das últimas xeracións que coñeceron aqueles tempos. Deste xeito, o proxecto complétase coas memorias e vivencias de persoas da provincia, un traballo para o que se realizaron máis de 500 enquisas.
Despois do seu paso por Sanxenxo, onde se poderá visitar na Sala Nauta entre o 25 de outubro e o 17 de novembro, a exposición ten previsto continuar o seu percorrido polos concellos da provincia, con parada, antes de rematar o ano, na Sede de Vigo da Deputación.