Mosquera insta eliminar “clichés” sobre o tráfico para recuperar o espazo publico nas cidades

O vicepresidente provincial impartiu hoxe en Logroño un seminario intensivo sobre mobilidade urbana e puxo sobre a mesa o concepto de “desaparición” de vehículos

14/09/2022

Recepción Logroño  

Hai que eliminar clichés e mitos falsos sobre o tráfico urbano para poder actuar con determinación no deseño das cidades e recuperar o espazo público para as persoas. Así de claro se amosou hoxe en Logroño o vicepresidente da Deputación César Mosquera no seminario que impartiu convidado polo concello rioxano.

O obradoiro tipa como título 'Elementos básicos do comportamento do tráfico urbano', e nel participou persoal político e técnico do Concello de Logroño, dos colexios de Enxeñeiría e de Arquitectura de La Rioja, tamén a directora da DXT, do departamento de Estradas do Goberno de La Rioja, e da Plataforma de Mobilidade da comunidade.

Na súa intervención o nacionalista subliñou que, en moitas ocasións, cando se propoñen modificacións na mobilidade das cidades pártese de premisas erróneas que poden perverter a toma de decisións políticas axeitadas, coartando cambios que beneficiarían ao conxunto da veciñanza. En concreto, Mosquera fixo referencia á necesidade de coñecer o concepto de "desaparición do tráfico" cando de limita ou corta o paso de vehículos nunha rúa.

Explicou que cando se restrinxe o tráfico nunha vía sempre xorde a pregunta de cara onde se desvía ese tráfico, cales son as vías alternativas polas que pasa a circulación, cando na realidade, explicou, "o fluxo de vehículos non se desvía, senón que na meirande parte, deixa de existir". O vicepresidente subliñou que hai datos corroborados "unha vez e outra" de que en certas zonas o tráfico que existe "é de axitación", o dos coches que dan voltas buscando unha praza de aparcamento, que pode chegar ata o 90%, e de outra boa parte é tráfico non necesario de persoas que poderían facer o seu desprazamento camiñando.

Para Mosquera, ordenar eses tráficos innecesarios e de axitación supón "un favor á persoa que está a cabrearse dando voltas buscando á praza imposible, e un favor á cidade porque a tranquiliza e gáñase un espazo público". Explicou que en Pontevedra no conxunto da vila rebaixouse o tráfico máis do 50%, no primeiro anel dous terzos, e un 90% na parte histórica: "houbo un efecto absolutamente lóxico a pesar de parecer contraditorio. A pesares de que parece lóxico dar maior capacidade a unha vía para mellorar o tráfico, ao reducilo funciona moitísimo mellor. Non hai retencións", subliñou.

Pola súa banda, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, que tamén tomou parte do seminario, explicou o 'Modelo Ágora' de recuperación do espazo público que se está a estender en boa parte dos concellos da provincia grazas á 'Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público'. Subliñou que se ten demostrado que o modelo "das persoas primeiro" e da a premisa de que o espazo público é un dereito é perfectamente aplicable en vilas de diferente condición, sempre adaptando ás características particulares de cada unha.

A provincia, referente
Antes de iniciar o seminario a comitiva pontevedresa foi recibido polo alcalde de Logroño, Pablo Hermoso de Mendoza, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Esmeralda Campos, e o concelleiro de Mobilidade Jaime Caballero. Hermoso manifestou que o traballo feito en Pontevedra e pola Deputación de Pontevedra na provincia nos últimos anos é un "referente" para o traballo en Logroño. Subliñou que o exemplo galego veu demostrar que as cidades enriquécense cando se avoga por priorizar as persoas no deseño urbano e subliñou que nestes momentos a cidade rioxana ten en marcha un proxecto denominado 'Calles Abiertas' de recuperación de espazo público que pretende mellorar a vida na vila.

Caballero agradeceu a visita da Deputación "para intercambiar coñecemento, visitar a cidade e as actuacións que se están a facer, e explicar a transformación en Pontevedra e nos demais concellos da provincia cun modelo de "persoas primeiro", transmitindo a experiencia da súa traxectoria nas últimas décadas".

O vicepresidente subliñou, nesta recepción, que Logroño "é unha cidade espléndida, moi avanzada urbanisticamente, compacta e cunha alta densidade de ocupación. Hai cousas de das que podemos aprender e ter en conta", dixo.

Na xornada de mañá a comitiva pontevedresa integrará ao deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, e ao director de Mobilidade e Infraestruturas da Deputación Daniel Romay, para realizar varias reunións de traballo na Deputación de Bizkaia en Bilbao. O venres será a quenda da visita á Deputación de Guipuzkoa.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.