Ponteareas, protagonista do último obradoiro Ágora da Deputación por ser exemplo de como recuperar o espazo público
Persoal técnico de diferentes concellos da provincia realizarán o vindeiro xoves 10 unha visita ao municipio, analizarán as obras realizadas e debaterán sobre como priorizar as persoas fronte aos coches
04/11/2022
O Concello de Ponteareas será o vindeiro xoves 10 protagonista e escenario do último ‘Obradoiro’ desta edición da Facultade Ágora da Deputación. Esta iniciativa formativa pretende achegar recursos ao persoal técnico e político dos concellos da provincia co fin de recuperar espazo público para as persoas e, neste caso, representantes de diferentes municipios da provincia visitarán a vila do Condado para facer unha análise das obras realizadas ‘in situ’ e, co caso local como exemplo, aprender xunto á especialista Paula TEles cales son as mellores fórmulas para priorizar ás persoas fronte os vehículos.
Segundo explica o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, o obxectivo dos ‘Obradoiros Ágora’ será adquirir coñecementos técnicos de forma concreta e práctica, visibilizar como se vai plasmando a filosofía Ágora no espazo público dos ‘Concellos Ágora’ e adquirir formación mediante o debate colectivo e en grupo. Ata o de agora, os ‘Obradoiros Ágora’ da Facultade Ágora pasaron por A Estrada, Vilagarcía e tomiño.
Coma nas anteriores edicións, nesta última sesión, aplicarase unha metodoloxía innovadora para que tirar o máximo rendemento. Haberá unha deriva de observación, debate colectivo en grupo e visitas comentadas a espazos reformados con diferentes solucións.
Entre as zonas que se analizarán estarán o núcleo da vila, no que se teñen realizado actuacións de urbanismo táctico e tamén obras definitivas en lugares como a Praza Maior, a Praza Bugallal ou a contorna do Mercado. Tamén se falará de proxectos como os das rúas Constitución, Concha Brey, Senén Cándido, Reveriano Soutullo, ou Morales Hidalgo, entre outros, xa que todos eles seguen a filosofía Ágora.
A Observadora Ágora que estará presente en Ponteareas e fará as súas achegas externas será a arquitecta Paula Teles, quen xa participara como relatora na anterior da Facultade Ágora falando de como facer recuperar vilas e cidades para a cidadanía.
Neste caso, ademais de ser unha nova ocasión para coñecer fórmulas de traballo, o obradoiro terá para a Deputación un compoñente sentimental, xa que inicialmente ía participar nel como persoa relatora o intendente da Policía Local Benigno Moldes, recentemente falecido, quen ía explicar como se defende e actúa no espazo público. Seguir adiante co obradoiro suporá unha homenaxe e recoñecemento ao seu traballo.