A Deputación aproba achegas por valor de máis de 250.000 euros para que Lalín, O Rosal e Sanxenxo realicen melloras en equipamentos deportivos
Son recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia
04/04/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas achegas por valor de máis de 250.000 € do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que Lalín, O Rosal e Sanxenxo realicen melloras en diferentes equipamentos deportivos. Como explicou o presidente da institución provincial, Luis López, "continuamos avanzando, como cada semana, na mellora das infraestruturas e equipamentos deportivos da provincia, modernizándoos, grazas a este plan dotado con 8 M €, o dobre que na pasada edición, como nunca antes se fixera".
En concreto, o Concello de Lalín contará con 13.912 euros para dotar de novas mallas metálicas ás catro pistas de tenis e ás gradas do pavillón de deportes, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas usuarias e deportistas, e O Rosal con 115.472 euros para as obras de mellora do pavillón municipal, que inclúen a renovación dos pechamentos de cuberta e fachada, do sistema de megafonía e a instalación dun sistema de ventilación.
Ademais, Sanxenxo contará con 125.000 € para executar tres proxectos diferentes nos campos de fútbol do concello. En concreto, recibe 34.661 euros para cambiar as carpinterías interiores, concretamente as portas, dos campos de fútbol do Revel, A Lanzada e Baltar de Arriba; 38.970 euros para substituír a iluminación existente na actualidade no campo do Revel co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética, e outros 51.976 euros que tamén permitirán mellorar a iluminación nun municipal, neste caso o de Baltar de Arriba.