Luis López sinala os 400.000 € investidos na mellora de camiños municipais en Agolada como un xeito de reforzar a mobilidade no rural e afrontar o reto demográfico

O presidente provincial, acompañado polo alcalde Luis Calvo, comproba o remate das obras de asfaltado e mellora dos servizos nos lugares de Aldea do Monte, Bidueiros e Quintela executados ao abeiro do programa +Provincia

25/03/2025

Luis López visita Agolada

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, comprobou o remate das actuacións de mellora de camiños municipais levada a cabo en distintas localidades do Concello de Agolada ao abeiro do programa +Provincia, que supuxo un investimento por parte do organismo provincial de 413.000 euros. Acompañado polo alcalde Luis Calvo, o presidente Luis López percorreu un treito do camiño de Aldea do Monte, na contorna da Capela de San Silvestre, un camiño que, xunto cos de Bidueiro e Quintela, viron mellorados tanto a súa imaxe coma as súas prestacións. "Unha mostra da sensibilidade do goberno provincial para mellorar os servizos, as infraestruturas e a calidade de vida da veciñanza de toda a provincia, vivan no concello que vivan", subliñou o mandatario provincial a transcendencia deste tipo de actuacións.

A obra levouse a cabo nos núcleos de Aldea do Monte, Bidueiro e Quintela e consistiu no reposición do asfalto dos camiños destes lugares, así como o ancheamento dos mesmos naqueles puntos onde foi posible. Do mesmo xeito, o proxecto incluíu a substitución e ampliación da sinalización, a renovación do sistema de drenaxe e unha mellora integral da imaxe destes camiños. "Agora contamos cuns núcleos mellor comunicados e cunha imaxe acorde aos novos tempos", incidiu o dirixente provincial.

Non é a única actuación que a Deputación ten en marcha neste Concello da comarca do Deza. Se no pasado ano 2024, o organismo provincial executou investimentos por valor de 670.000 euros a través de plans como o +Provincia ou a primeira edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Neste 2025, o goberno de Luis López ten previsto mobilizar un total de 1,23 millóns de euros en Agolada: 89.185€ correspondentes ao segundo PEID, 0,5 millóns de euros, do novidoso Plan Extra; e 639.000 euros, do +Provincia. "Comprobar que os recursos da Deputación serven para apoiar a Concellos como o de Agolada e mellorar os servizos e a calidade de vida da veciñanza é toda unha satisfacción", rematou o presidente da Deputación.

Galerias de imaxes