A Deputación adxudica por 280.000 euros a mellora da drenaxe da estrada provincial EP-2502 Cerquido-Ribadelouro, no Porriño

A actuación vaise desenvolver nun tramo dun quilómetro desta estrada provincial no que se renovarán a rede de pluviais e a capa de rodaxe, se executará unha cuneta transitable e instalará nova sinalización

04/04/2025

Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou en conferencia de prensa que a Xunta de Goberno da institución provincial adxudicou por 283.442 euros as obras de mellora da drenaxe na estrada provincial EP-2502 Cerquido-Ribadelouro, no Porriño. “Seguimos, desta maneira, transformando as estradas provinciais para alongar a súa vida e garantir a súa máxima seguridade”, asegurou López.

Trátase dunha actuación que se desenvolverá nun tramo de aproximadamente un quilómetro da infraestrutura provincial, que na actualidade presenta problemas debido ao mal estado da drenaxe existente, con tramos de rotura e diferentes obstrucións. O prazo de execución destas obras será de seis meses.

En concreto, nun tramo inicial desta estrada provincial EP-2502 no Porriño renovarase a rede de pluviais, substituíndo a tubaxe en mal estado, mediante a instalación dunhas novas soterradas e novos sumidoiros para a recollida das augas, renovando seguidamente a capa de rodaxe. Adicionalmente, nunha segunda zona da estrada executarase unha cuneta transitable de formigón na marxe dereita, instalando baixo a mesma unha tubaxe de pluviais. Por último renovarase a sinalización horizontal e instalarase a vertical que sexa necesaria.

videos

audios