A Deputación aproba o proxecto para as obras de mellora da drenaxe na estrada provincial EP-2502 Cerquido-Ribadelouro, no Porriño, onde investirá 310.000 euros

A actuación vaise desenvolver nun tramo dun quilómetro da estrada provincial que na actualidade presenta irregularidades

29/11/2024

Luis López

A Deputación de Pontevedra deu luz verde ao proxecto para as obras de mellora da drenaxe na estrada provincial EP-2502 Cerquido-Ribadelouro, no Porriño, que contan cun orzamento total de 310.000 euros. “A actuación desenvolverase nun tramo de aproximadamente un quilómetro desta estrada, que presenta problemas na actualidade debido ao mal estado da drenaxe existente, con tramos de rotura e obstrucións”, explicou o presidente provincial, Luis López.

En concreto, nun tramo inicial renovarase a rede de pluviais, substituíndo a tubaxe en mal estado, mediante a instalación dunhas novas soterradas e novos sumidoiros para a recollida das augas, renovando seguidamente a capa de rodaxe. Adicionalmente, nunha segunda zona executarase unha cuneta transitable de formigón na marxe dereita da estrada, instalando baixo a mesma unha tubaxe de pluviais. Por último renovarase a sinalización horizontal e instalarase a vertical que sexa necesaria.

López lembrou o traballo que se está a facer desde  o goberno da Deputación nas estradas provinciais: “Queremos avanzar para que os máis de 1.700 quilómetros das vías de titularidade provincial estean en óptimas condicións para garantir a seguridade as nosas veciñas e veciños”, remarcou.

videos

audios