A vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, reúnese co equipo de ciclismo do Porriño Máster da Louriña e enxalza a traxectoria de Damián Ramos
03/04/2024
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de reunirse co equipo de ciclismo do Porriño Máster da Louriña nunha xuntanza na que recibiu a camisola de campión de Europa de ciclismo adaptado que conseguiu Damián Ramos. Sánchez enxalzou a traxectoria deste ciclista, que foi preseleccionado para competir nos Xogos Olímpicos de París e que conta cun palmarés que abrangue desde o título de Campión de España e de Europa ata o ouro na Copa do Mundo de Adelaida.
“Os vosos éxitos son os nosos éxitos”, remarcou a presidenta provincial, quen tamén felicitou o Máster da Louriña polos éxitos colleitados en tan só catro anos de vida, así como pola súa aposta polo deporte de base, adaptado e feminino. Nestes momentos, o club porriñés conta con dous equipos de elite sub-23, masculino e feminino, que compiten en cadansúa Copa de España, un equipo de base e outro de ciclismo adaptado, do que forma parte Damián Ramos e que é xa un dos equipos máis importantes de todo o Estado. Trátase do único club de España con catro seccións e con ciclistas situados entre os dez primeiros do ranking en cada unha destas categorías.