A vicepresidenta, Luisa Sánchez, asiste en Pontevedra ao Selectivo Nacional Sprint de Piragüismo
10/04/2024
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu esta mañá ao Selectivo Nacional Sprint de Piragüismo que tivo lugar no encoro do Pontillón do Castro, na cidade de Pontevedra. Da competición, que comeza hoxe e se estenderá ata o próximo venres 12 de abril, sairá practicamente a configuración completa do equipo español de piragüismo que competirá nos Xogos Olímpicos de París. Nesta primeira xornada dispútanse as finais das categorías C2 500 e K4 masculina e feminina.
Sánchez aproveitou a visita para poñer en valor que a provincia de Pontevedra é unha potencia deportiva de primeiro nivel; de feito, xa se confirmou a clasificación de Teresa Portela, Carolina García, Antía Jácome e Rodrigo Germade para París. “Basta con fixarse en que non hai disciplina sen un campión ou un medallista pontevedrés”, anotou a representante provincial, quen reiterou o seu compromiso co deporte olímpico e de elite, pero “sen esquecer o deporte de base do que sairán ―dixo― os nosos campións do futuro”.