A Deputación dotará edificios municipais das Neves de instalacións de aerotermia

As obras, que teñen un orzamento de algo máis de 60.000 euros, permitirán prover deste tipo de enerxía limpa a casa consistorial e o centro cultural

05/02/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de sacar a licitación as obras de mellora da eficiencia enerxética en edificios municipais das Neves ao abeiro do proxecto de instalacións de aerotermia sostibles, enmarcado no programa de axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (Programa DUS 5000). A actuación será financiada nun 85 % polo IDAE, nun 8 % pola Deputación de Pontevedra e nun 7 % polo Concello.

O obxectivo destas obras, nas que se investirán 62.500 euros, é realizar as instalacións de aproveitamento da enerxía aerotérmica na casa do concello e no centro cultural das Neves. Con isto, a Deputación busca favorecer o desenvolvemento de proxectos que reduzan as emisións de CO2, implantando medidas de aforro e eficiencia enerxética, e tamén favorecer o uso de fontes de enerxía renovables que contribúan ao desenvolvemento económico local. Ademais, tamén se reformarán as instalacións hidráulicas e eléctricas existentes.

En concreto, a instalación consistirá na instalación dunha unidade exterior común, tamén con sistema de caudal de refrixerante variable, cunha potencia calorífica de 63 kW e frigorífica de 56 kW. A nova instalación permitirá que as emisións se reduzan nun 55 % na casa do concello e nun 56 % no centro cultural, pasando de 32,9 a 14,8 kg de CO2 por metro cadrado ao ano, no primeiro caso, e de 36,1 a 15,7, no segundo. Deste xeito, a cualificación enerxética pasará de C a A.

As empresas interesadas en concorrer á licitación da asistencia técnica de ambos os proxectos teñen de prazo ata o 16 de febreiro ás 10:00 horas, e poderán facelo a través do portal de licitación electrónica da Deputación de Pontevedra.

Logos