A Deputación promove a instalación de aerotermia sostible en edificios municipais dos Concello das Neves
Trátase dunha actuación cun orzamento total de 130.000 euros, dos que o IDAE financia 55.000 € a través do programa DUS 5000, a Deputación 40.000 € e o Concello das Neves 35.000
04/10/2024
A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o proxecto para poñer en marcha instalacións de aerotermia sostible en edificios municipais do Concello das Neves. A actuación conta cun orzamento total de 130.000 euros, dos que 55.000 € se financian a través do programa DUS 5000 do IDAE, mentres que o Concello das Neves achega 35.000 euros e a Deputación 40.000 €.
"Con iniciativas como as que imos impulsar no Concello das Neves queremos reducir as emisións de CO2 mediante a implantación de medidas de eficiencia enerxética, así como favorecer o uso de fontes de enerxía renovables que contribúan ao desenvolvemento económico local", explicou o presidente provincial, Luis López.
O obxectivo desta actuación é realizar as instalacións de aproveitamento da enerxía aerotérmica na Casa do Concello e no Centro Cultural das Neves, substituíndo as actuais instalacións de climatización, que contan con problemas de eficiencia. Deste xeito, instalarase unha unidade exterior común a ambos edificios na rúa José Gil, cunha potencia frigorífica de 73 kW e calorífica de 81,5 kW.