A Deputación abre o prazo para participar na segunda edición da aceleradora multisectorial de SmartPeme

Seleccionaranse 8 proxectos empresariais que recibirán apoio para mellorar e optimizar os seus recursos e a súa competitividade coa incorporación das novas tecnoloxías

19/05/2023

Carmela Silva

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou de que a institución provincial vén de abrir o prazo para participar na segunda edición da aceleradora multisectorial de SmartPeme. Pódense beneficiar desta iniciativa un máximo de 8 pemes ou persoas autónomas e emprendedoras da provincia que, entre o 6 de xuño e o 18 de xullo, recibirán, tal e como explicou a presidenta, “apoio e guía para a mellora e optimización dos seus recursos e a súa competitividade coa incorporación de novas tecnoloxías á súa actuación”. As persoas interesadas poden presentar as súas candidaturas a través dun formulario habilitado no sitio web de SmartPeme ata o 1 de xuño (incluído).

A segunda edición da aceleradora multisectorial de SmartPeme está pensada “para persoas autónomas e emprendedoras que desexen poñer en marcha a súa actividade en liña ou reorientar os seus negocios”, xa que poden beneficiarse tanto aqueles proxectos empresariais que se atopen “en fase temperá de desenvolvemento como aqueles que, xa en marcha, teñan un alto potencial de crecemento” co emprego das novas tecnoloxías, informou Carmela Silva. As actividades serán preferentemente telemáticas, coa posibilidade de recibir asesoramento presencial, pero as actividades formativas grupais, para facilitar a asistencia e a participación de persoas de todas as comarcas da provincia, serán todas telemáticas.

O programa da aceleradora multisectorial está dividido nunha fase de mentorización de actividades e noutra de sesións formativas grupais. Durante a fase de mentorización avaliaranse os proxectos e cadanseu modelo de negocio para establecer unha folla de ruta individualizada, proporcionándolles un programa intensivo de titorías e sesións de traballo individualizadas con persoas expertas en tecnoloxía coas que aprenderán sobre imaxe dixital, competitividade e as necesidades detectadas para cada proxecto. Ademais, celebrarase nunha xornada de networking con empresas e tamén o habitual Demo Day final no que se presentarán ao público todos os proxectos participantes.

Na fase de sesións formativas grupais, as persoas participantes nesta segunda edición da aceleradora multisectorial de SmartPeme recibirán 9 horas de formación específica colectiva deseñada á medida para o grupo, sobre temas como deseño gráfico, negocios sostibles, plan de empresa, estratexia de e-mail márketing, publicidade en redes sociais e “smart data” ou tamén ferramentas de xestión de clientela en liña.

Á hora de presentar as súas candidaturas, as persoas interesadas deberán xuntar unha memoria que inclúa os obxectivos, misión, visión, valores e actividade do proxecto, cunha descrición dos obxectivos da participación na aceleradora, así como unha presentación do equipo implicado e da persoa que asistirá ás actividades. O equipo técnico de SmartPeme e o comité de avaliación realizarán entrevistas aos proxectos preseleccionados para coñecer en detalle o seu potencial de negocio, implicación e necesidades, e realizar a selección final dos proxectos participantes.

Esta é a segunda edición da aceleradora multisectorial de SmartPeme, por onde xa pasaron antes outros cinco proxectos de persoas autónomas e emprendedoras na edición celebrada a finais de 2022. O programa da Deputación tamén celebrou anteriormente aceleradoras de empresas turísticas (cinco edicións) e de comercio (dúas edicións), e coa posta en marcha da aceleradora multisectorial abriu o abano a todos os nichos de mercado. “Foron un grande éxito e todas estas empresas seguen activas, medrando tanto os seus beneficios como o número de persoas empregadas”, sinalou Carmela Silva.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.