A Deputación fai entrega dos 22 premios da LX edición do Concurso-Exposición Internacional da Camelia
“Os 48 cultivadores participantes puxeron o listón moi alto e demostraron que a provincia de Pontevedra é pioneira no aproveitamento da camelia, que é xa un símbolo da nosa terra con gran poder para impulsar outros sectores produtivos e, con elo, dinamizar a nosa economía e o emprego”, remarcou o vicepresidente Rafa Domínguez
22/02/2025
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de facer entrega, xunto co deputado responsable da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Javier Tourís, dos 22 premios da LX edición do Concurso-Exposición Internacional da Camelia. “Non foi fácil, os 48 cultivadores participantes puxeron o listón moi alto e demostraron, unha vez máis, que a provincia de Pontevedra é pioneira no aproveitamento da camelia, que é xa un símbolo da nosa terra con gran poder para impulsar outros sectores produtivos e, con elo, dinamizar a nosa economía e o emprego”, remarcou Domínguez durante o acto no que tamén participou o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. Pola súa banda o deputado responsable da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Javier Tourís, destacou o traballo que desenvolve este centro “punteiro” para potenciar a camelia, subliñando, ademais da súa implicación na organización do concurso, o cultivo e produción do TéAreeiro.
A Camelia de Ouro, destinada á persoa concursante que presente o conxunto cun máximo de 40 cultivares máis destacado en canto á calidade das flores, foi para Begoña Franco e o premio especial Antonio Odriozola, á flor individual máis fermosa, para Pilar Bargiela pola Camellia Botanyuki. Pola súa banda, o premio Especial da Sociedade Española da Camelia, ao concursante máis destacado de entre os que participaron por primeira vez no certame de Pontevedra, recalou na Asociación O Souto de Rubiáns.
Os galardóns para os mellores lotes de Camellias reticulata foron para Natividad Abalo polo conxunto de John Hunt (1º premio), María Ángeles Piñeiro polo conxunto de Frank Houser variegada (2º) e Pilar Barigela polo conxunto de Terrel Weaver (3º); para os mellores híbridos de Camellia para Rosa Crespo polo conxunto de Miriam Escofet (1º), Juan Carlos Montes polo conxunto de Golden Lotus (2º) e José Monteagudo polo conxunto de Night Rider (3º); para os mellores exemplares doutras especies para Clara Abalo polo conxunto de Camellia purpurea (1º), Edmundo Novoa polo conxunto de Camellia yunnanensis (2º) e Natividad Abalo polo conxunto de Camellia impressinervis (3º); para os mellores exemplares de Camellia japónica branca para Elena Valcárcel polo conxunto de Lily Pons (1º) e para Clara Abalo polo conxunto de Man Size (2º); de Camellia japónica rosada ou doutras cores para Juan José Castro polo conxunto de Angelina Vieira (1º) e para Aquilino Rosario polo conxunto de Elegans Splendor (2º); de Camellia japónica vermella para Juan José Castro polo conxunto de Red Leaf Bella (1º) e para Josefa Rosaura Rodríguez polo conxunto de Royal Velvet (2º); de Camellia japónica xaspeada ou variegada para a Asociación Veciñal e Cultural O Souto de Rubiáns polo conxunto de Margaret Davis (1º) e para Maru Míguez polo conxunto de Ville de Nantes (2º).
Ademais o primeiro premio á mellor presentación artística foi para Ana María Rodríguez e o segundo para Joaquín Bello, valorándose o conxunto de flores e plantas de camelia, acompañadas/ou non doutros obxectos e elementos decorativos que destacaron pola súa colocación artística. Todos eles foron galardoados con 5.000 euros e recibiron un broche feito a man por Pilar Blanco, do Obradoiro Hedra.
O xurado encargado de escoller entre os medio centenar de participantes do LX Concurso-Exposición Internacional da Camelia estivo integrado por representantes da Deputación, dos Concellos de Vigo e Vilagarcía e das Sociedades Española e Internacional da Camelia, así como o gañador da Camelia de Ouro da pasada edición, Abelardo Barcala, e diferentes expertos do sector.
O Concurso-Exposición Internacional da Camelia naceu nos salóns da Deputación de Pontevedra en 1965, o que contribuíu a popularizar o cultivo desta flor e a súa comercialización e difusión na provincia. Grazas ao éxito da primeira edición, o concurso adquiriu carácter anual e foi rotando, ata o de agora, entre as cidades de Vigo, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra. Desde entón tense convertido no certame de camelia que máis edicións leva organizando de todo o planeta e no punto de referencia para persoas cultivadoras e afeccionadas que acoden todos os anos ben a participar, ben a gozar das últimas novidades desta flor que é xa o símbolo das Rías Baixas.
Actividades programadas
Con motivo do LX Concurso – Exposición Internacional da Camelia o Recinto Feiral de Pontevedra acolle obradoiros, degustacións e mercadiños. Neste eido, ademais dos celebrados nesta xornada, para este domingo está previsto un obradoiro de xogos para nenas e nenos maiores de 3 anos, entre as 11:00 e as 13:30 e entre as 17:00 e as 20:00 horas. O domingo tamén terá lugar ás 11:00 horas unha degustación de TéAreeiro seguida dunha degustación culinaria a cargo de Miguel Mosteiro, de Gastrolab, ás 12:00 horas. Ademais, o certame complétase co mercadiño de artesanía, no que é posible adquirir diferentes pezas relacionadas coa camelia.
Por outra banda, a Deputación de Pontevedra ten en marcha ata finais de marzo no Castelo de Soutomaior unha intensa axenda de actividades arredor da camelia que abranguen desde visitas guiadas da camelia relacionadas coa saúde, coa literatura ou coa moda, ata contacontos e obradoiros para o público infantil e adulto.