A Deputación leva a Baiona a súa exposición itinerante “A camelia, flor das galegas e dos galegos”
O deputado responsable da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Javier Tourís, asistiu ao acto de inauguración da exposición, que se pode visitar na rúa Carabela A Pinta
18/03/2025
O deputado delegado da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Javier Tourís, xunto co alcalde de Baiona e tamén deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña, inaugurou este martes na localidade a mostra itinerante “A camelia, flor das galegas e dos galegos”, impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Sociedade Española da Camelia. A exposición, que se pode visitar na rúa Carabela A Pinta, está a percorrer os concellos da provincia nos que se organizan mostras sobre a camelia para “promover, apoiar e contribuír, unha vez máis, con todo o que ten que ver coa exaltación da camelia. Unha flor con grande potencial económico, comercial e de emprego”, sinalou o deputado provincial. A inauguración completouse coa degustación de té da marca provincial TéAreeiro.
Tourís lembrou que a camelia “é orixinaria de Oriente pero atopou na nosa terra un lugar ideal para medrar e florecer, de feito temos máis de 200 exemplares que superan os 150 anos”, impulsando sectores como o turismo ao ser “un valor engadido que contribúe á desestacionalización da oferta turística”. A este respecto, o deputado provincial destacou as actividades ofertadas pola Deputación no Castelo de Soutomaior, dispoñibles ata finais deste mes. Con esta mostra “queremos achegar á cidadanía de Baiona información menos coñecida sobre a camelia: a súa historia, os seus coidados ou a súa relación coa economía, as artes ou a moda”, sinalou Javier Tourís.
“A camelia, flor das galegas e dos galegos” conta con 14 tótems nos que se recollen segredos e curiosidades desta flor a través dun percorrido ao aire libre ameno e con atractivo visual. Os paneis presentan información sobre a historia e as variedades de camelia, os xardíns destacados desta flor en Galicia, os nomes das camelias, os seus coidados, a economía desta flor e os seus derivados, a aplicación da camelia na gastronomía tanto a través de aceite como de marmeladas, vermú ou galletas, a relación da flor coas artes e as figuras destacadas relacionadas coa camelia, con fotografías de persoas de diferentes ámbitos que teñen relación coa flor.