Rafa Domínguez asiste ao faladoiro “Crise de valores e cultura do esforzo”, organizado polo Club Rotary Pontevedra

25/02/2025

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, xunto co deputado de Cultura, Jorge Cubela, asistiu hoxe no Museo de Pontevedra ao faladoiro organizado polo Club Rotary Pontevedra baixo o título “Crise de valores e cultura do esforzo”, que contou coa participación do profesor de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela Miguel Anxo Bastos e o economista Santiago Calvo. Domínguez aproveitou a ocasión para lembrar que o Museo é, precisamente, “un espazo no que a cultura do esforzo e os valores son tidos moi en conta”, premiando e incentivando a artistas emerxentes mais tamén apostando por artistas consagrados, así como transmitindo mensaxes a carón de valores inherentes ao ser humano a través da arte. Neste eido remarcou a Bienal de Arte, “que terá lugar tras quince anos de ausencia e que afondará en cuestións como a paz, a guerra, as migracións, os exilios, a utopía e sobre a importancia de conectar coa dor allea e profundar na empatía e na nosa propia humanidade”.