Máis de 40 entidades e 50 concellos recibirán achegas da Deputación para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero

O Goberno provincial aprobou as axudas cun investimento de 338.000 euros

13/08/2022

Carmela Silva

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de conceder as subvencións para o fomento de igualdade de oportunidades e a loita conta a violencia de xénero dirixidas a proxectos de entidades de iniciativa social da provincia, así como as axudas neste eido destinadas aos concellos de menos de 20.000 habitantes.  Nestas achegas, a institución inviste un total de 338.000€, dos que 108.000€ corresponden ás subvencións a entidades e 230.000€ ás axudas aos municipios.

A Deputación atendeu 43 solicitudes de entidades sociais con sede en 12 concellos da provincia: Cambados (1), Cangas (3), Crecente (1), Cuntis (1), A Estrada (2), Lalín (1), Marín (1), Pontevedra (7), Silleda (1), Vigo (21), Vilagarcía (3). No que atinxe aos concellos, son 50 os que recibirán estas axudas para impulsar e realizar actuacións de fomento da igualdade e prevención da violencia de xénero, de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria. O importe máximo subvencionable é de 6.000 € en cada municipio.

As asociacións presentaron proxectos de ámbito provincial para sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero; atención integral a vítimas de violencia machista, fillas, fillos e persoas dependentes ao seu cargo. Tamén actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; actividades para favorecer e fomentar a igualdade entre mulleres e homes; proxectos encamiñados a mellorar a formación e a orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres e  accións dirixidas a crear redes e servizos de apoio que favorezan a conciliación. Igualmente, podían presentar accións para a promoción de campañas de difusión e sensibilización da cidadanía en materia de igualdade.

No caso dos concellos de menos de 20.000 habitantes, as axudas da Deputación subvencionarán proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; así como iniciativas xurdidas dos acordos das Mesas Locais ou proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas de violencia de xénero (fillas, fillos e persoas dependentes ao seu cargo). Tamén programas e actuacións destinados a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con dificultades, así como proxectos para a mellora da formación e o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; accións para a elaboración do plan municipal de igualdade; a creación de redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade na vida persoal, familiar e profesional ou actividades dirixidas ao alumnado, profesorado e familiar e profesional, co fin de dotar de estratexias educativas para o fomento da igualdade do trato e oportunidades. Por outra banda, as achegas poden subvencionar tamén campañas de difusión e sensibilización á cidadanía.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.