A necesidade de achegar ás mozas ás carreiras STEAM marca o arranque do programa “Tecnolóxicas” que desenvolven a Deputación e Asime

Carmela Silva: “Esta iniciativa vainos permitir avaliar, documentar e ter datos para abordar o reto de reducir a fenda de xénero do sector, porque estes coñecementos tecnolóxicos van ser fundamentais tanto para gobernar o público como as empresas ”

21/07/2022

Programa Tecnolóxicas  

Cunha xornada de análise e reflexión sobre "As mulleres na Enxeñería" deu arranque o pioneiro proxecto "Tecnolóxicas", que desenvolven a Deputación de Pontevedra e a organización de empresas do metal Asime para reducir a brecha de xénero no sector tecnolóxico e industrial e xerar unha cultura do talento feminino para enriquecer este eido. Achegar ás mozas as carreiras STEM, que están a marcar o presente e o futuro, e dar visibilidade ás mulleres referentes están entre os obxectivos centrais desta iniciativa, que se basea nos piares da formación, mentoring e sensibilización. Precisamente neste último eido enmarcouse esta primeira xornada de debate, celebrada na sede de Asime en Vigo, á que asistiron a presidenta provincial, Carmela Silva, e o Secretario Xeral de Asime, Enrique Mallón, e que contou coa participación de catro mulleres directivas: Lorena Rosende, CEO de Itera Técnica; Antía Fernández López, directora de Innovación para Mercados Estratéxicos de Gradiant; Marta Fernández Docampo, senior project manager de Gestamp e Chelo Domínguez, directora de GKN Vigo. Como destacou Carmela Silva, "mulleres de absoluto éxito que xogan un papel fundamental nas súas empresas" e cuxo testemuño puxo de relevo a necesidade dun proxecto como "Tecnolóxicas".

A presidenta da Deputación incidiu en que se trata dunha iniciativa piloto que vai comezar de xeito inminente xa con 10 mulleres e 10 empresas, "un proxecto potente e ben pensado que nos vai permitir avaliar, documentar e ir cos datos debaixo do brazo" para solicitar o apoio doutras administracións -presentarase aos fondos Next Generation- a fin de abordar o reto de reducir a fenda de xénero neste sector. Carmela Silva volveu destacar que os alarmantes datos de matriculación de mulleres nas titulacións STEAM, que supoñen o 20% do total, están a amosar "que estamos a perder a metade do talento". "Somos o 60% das tituladas nas universidades, temos os mellores currículums, e estudamos másters e doutorados -sinalou- e por exemplo en Informática somos o 15%. Temos grandes capacidades pero nas STEAM non se matriculan, e iso é en primeiro lugar porque non teñen referentes e porque desde sempre nos din que o noso papel no mundo son os coidados. É fundamental ter referentes. Porque sen ese talento non imos estar presentes no mercado laboral e nas grandes decisións que permiten avanzar, xa que estes coñecementos tamén van ser fundamentais para gobernar o público, non só as empresas".

Abundou tamén en que amais, nas mulleres que finalmente optan por estes estudos, "as directivas son rara avis", "pero se a sociedade quere avanzar temos que actuar para transformar esta situación" e neste camiño se atopa o proxecto. Nese senso, agradeceu tamén a implicación do sector empresarial que representa Asime e, especialmente dos seus directivos Enrique Mallón e Lorena Rosende, por idear "Tecnolóxicas", que permitirá que mulleres tituladas poidan ter contratos en empresas seleccionadas para tal fin, a fin de especializar os seus coñecementos e convertelas en "líderes en dirección e tecnoloxía, en referentes nesta contorna onde viven".

Neste senso, o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, cualificou o proxecto de "imprescindible, que non busca ningún tipo de rendibilidade senón incrementar esa barbaridade que está a supoñer o descenso de mulleres nas carreiras STEAM, algo que é unha obriga das administracións públicas e organizacións empresariais. Temos unha ilusión tremenda por levalo a cabo". Mallón agradeceu o apoio da Deputación e especialmente "o bastión da igualdade" que defende Carmela Silva e subliñou que no reto proposto é tamén fundamental "a implicación dos homes, de toda a sociedade", poñendo como exemplo tamén a paridade dentro de Asime. "Hai que elevar o número de rapazas nestas titulacións e nos postos de responsabilidade -engadiu-. Emociónanos este proxecto e ten que saír ben. Hai que levalo e multiplicalo. "Tecnolóxicas" debe ser algo continuo durante moito tempo para cambiar a situación actual que é preocupante. Por parte de Asime imos continuar isto ata que se supere. E ogallá que sexa pronto".

No debate moderado por Lorena Rosende, que incidiu en que a formación e a introdución das mulleres nos postos "ten que ser un elemento tractor para ter un efecto multiplicador", afondouse nos motivos dese preocupante descenso nas matriculacións de mulleres en STEAM, unha tendencia que está a acrecentarse nos últimos anos. Para Marta Fernández Docampo, de Gestamp, moito ten que ver nisto que "temos sido unha profesión gris, a xente non sabe que fai un enxeñeiro ou enxeñeira, e o que temos é que poñer en valor e traballar en divulgar para que a sociedade saiba o que facemos. Segue habendo un rol de xénero en que estas son carreiras de homes. E ten que vir desde atrás, porque as nenas non van escoller algo que non coñecen". Apuntou amais que este labor "hai que facelo nos canais que a xente nova coñece", como por exemplo as redes de Tik Tok, falarlles na súa linguaxe, cunha imaxe potente, no na linguaxe na que nós nos expresamos, poñer mulleres e que vexan que non somos algo raro" .

Pola súa banda, Chelo Domínguez, directora de GKN Vigo, onde traballa un 7% de mulleres, sinalou en que seguen a "faltar referentes e motivación" para implicar ás mozas nestas titulacións, como amosa a escasa presenza nos libros de texto. "A clave está na xente nova. Hai que motivar, facer ver que para certas carreiras que son interesantes estamos tan capacitadas ou máis que os homes".

No caso de Antía Fernández López, que participa como mentora no programa da Deputación Inspira Steam, tamén apuntou a falta de información sobre "para que serven estas carreiras", e incluso a crenza "de que non van servir no ámbito dos coidados", que é tradicionalmente un dos que escollen as mozas. "O primeiro que temos que facer é explicar en que traballamos. En moitos casos atópome que me costa explicar e facer entender á sociedade por que son tan importantes as TICS -subliñou-. Hai que comezar, desde a base. Cando vou aos colexios e estou diante das crianzas e difícil chegar a eles a elas. Pero se consigo chegar á súa linguaxe, chegarei á dos pais tamén. E temos que explicar que as enxeñerías serven para coidar".

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.