A Deputación destina máis de 2,3 millóns de euros para que 15 concellos da provincia contraten 172 persoas desempregadas ao abeiro do Plan +Provincia

Benefícianse destes recursos os concellos de Caldas de Reis, Covelo, A Illa de Arousa, Lalín, Mondariz, As Neves, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Silleda, Tui e Vila de Cruces

09/02/2024

reunión da xunta de goberno

A Deputación acaba de aprobar na Xunta de Goberno destinar máis de 2,3 millóns de euros para que 15 concellos da provincia contraten 172 persoas desempregadas ao abeiro da liña 3,de activación do emprego, do Plan +Provincia. Benefícianse destes recursos Caldas de Reis, Covelo, A Illa de Arousa, Lalín, Mondariz, As Neves, Oia, Pazos, O Porriño, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Silleda, Tui e Vila de Cruces. “Nun mes —remarcou o presidente provincial—, concedemos xa 3,1 millóns para que 22 concellos da provincia poidan contratar 253 persoas. Trátase de algo máis do 33,5 % da liña 3 do Plan +Provincia, dotada con 9,25 millóns de euros, polo que seguimos dando pasos cara adiante nese modelo de pontes tendidas e de avance da provincia”.

Nesta Xunta de Goberno aprobouse destinar 337.000 euros a Lalín para contratar 21 persoas que se ocuparán de desempeñar postos de traballo de peoa ou peón de obras públicas (6), peoa ou peón forestal (4), peoa ou peón albanel (4), auxiliar administrativa/o (2), condutor/a de tráctor (2), condutor/a de pala (1), auxiliar de información turística (1) e técnica/o superior informática/o (1).

Redondela beneficiarase de 240.000 euros da liña 3 do Plan +Provincia para contratar 15 persoas como peoa ou peón de obras públicas (10), guía turística/o (3) e axudante de servizos (2). No caso de Tui, as achegas ascenden a 219.000 euros para contratar 16 persoas que ocuparán os postos de peoa ou peón de horticultura (14), oficial carpinteira/o (1) e oficial/a fontaneiro/a (1).

Pola súa banda O Porriño, con 210.000 euros, contratará 17 persoas que traballarán como peoa ou peón forestal (6), conserxes (3), peoa ou peón de obras públicas (2), analista de xestión (1), publicista (1), auxiliar enfermeira/o (1), oficial/a de albanelería (1), oficial/a de soldadura (1) e oficial de carpintería (1). Silleda recibirá 165.000 euros para contratar 10 persoas como peoa ou peón de obras públicas (7), tractorista (2) e condutor/a de camión (1). Pola súa banda, Caldas de Reis recibirá 150.000 euros para contratar 7 persoas como peoa ou peón de limpeza (2), oficial albanel (2), peoa ou peón de obra pública (1), condutor/a maquinista (1) e enxeñeira/o forestal (1).

No caso de Vila de Cruces, beneficiarse de 146.000 euros da liña 3 do Plan +Provincia para contratar 10 persoas desempregadas como peoa ou peón forestal (4), albanel (2), condutor/a (2), operaria/o de retroescavadora (1) e operaria/o de maquinaria (1). A achega para O Rosal ascende a 123.000 euros para 9 persoas que traballarán como peoa ou peón de limpeza (4), oficial/a de obras (3), auxiliar de axuda no fogar (1) e oficial/a electricista (1). Outros 122.000 euros irán a Rodeiro para que poida contratar 12 persoas como peoa ou peón de servizos múltiples (4), peoa ou peón de servizos diversos (3), técnicas/os de educación infantil (2), educación social (1), traballo social (1) e monitor/a socorrista (1).

Preto de 120.000 recibirá As Neves para que oito persoas traballen no Concello como operaria/o forestal (2), peoa ou peón de recollida de lixo (2), peoa ou peón de obras públicas (2), xardineira/o (1) e fontaneira/o (1). Máis de 110.000 euros recibirá Covelo para contratar 14 persoas como peoa ou peón forestal (8), peoa ou peón de limpeza (2), condutora/o de camión (2), carpinteira/o (1) e auxiliar administrativa/o (1). Máis de 110.000 euros recibirá Mondariz para contar con oito persoas traballadoras como operaria/o de roza (4), operaria/o de recollida de lixo (2), auxiliar de axuda no fogar (1) e albanel (1).

Ademais, no marco destes recursos aprobados na Xunta de Goberno ao abeiro da liña 3 do Plan +Provincia, Oia recibirá 101.000 euros para contratar 7 persoas como peoa ou peón forestal (4), albanel (2), condutor/a operario/a de maquinaria forestal (1); A Illa de Arousa recibirá 95.000 euros para que 10 persoas traballen como operaria/o de servizos múltiples (8), auxiliar administrativa/o (1) e guía-informador/a turístico/a (1); e Pazos de Borbén contará con 90.000 euros para contratar 8 persoas como peoa ou peón de obras públicas (3), peoa ou peón de servizos múltiples (2), oficiais de servizos múltiples (2) e auxiliar administrativa/o (1).