Luis López avanza ao alcalde de Vila de Cruces dunha achega de máis de 262.000 € da Deputación para o asfaltado de camiños e a mellora da Travesía Vázquez

O presidente provincial mantén unha reunión de traballo co alcalde Luis Taboada na que repasaron investimentos provinciais no Concello por valor de máis de 800.000 euros de programas como o +Provincia ou o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

23/05/2024

O presidente provincial mantén unha reunión de traballo co alcalde Luis Taboada

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou este xoves ao alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, a aprobación na Xunta de goberno do ente provincial deste venres de dúas subvencións de 194.500 e de 67.700 euros ao abeiro do programa +Provincia para a mellora, por un lado, da capa de rodaxe dos camiños de Beuvas e de Camballón; e, por outro, do espazo público da Travesía Vázquez Nº4. Nun encontro de traballo que tivo lugar no despacho presidencial do Pazo Provincial, López e Taboada repasaron outros investimentos previstos pola Deputación neste Concello e abordaron asuntos de interese mutuo para as dúas administracións. “É outra mostra do que estamos a facer, que é escoitar os concellos, tender pontes e dar solucións as cuestións que formulan os alcaldes e alcaldesas, que son os que coñecen de primeira man todas as necesidades dos seus concellos”, sinalou López.

Ademais, o titular do executivo provincial informou ao rexedor dos fondos que lle corresponde ao Concello de Vila de Cruces do programa +Provincia, que ascenden a 764.400 euros, 71.200 euros máis do recibido o ano anterior, o que supón un incremento do 10 %. Unha parte destes recursos, 535.100 euros, corresponden á Liña 1 de Investimentos do plan +Provincia, no que o Concello, ademais dos dous citados proxectos, ten solicitado tamén a construción dun depósito de auga para a extinción de incendios no lugar de Pousadoiro-Carbia (48.800€), A construción dun muro de contención no Lugar da Moa, en Merza (44.200€) e a humanización e mellora da accesibilidade na rúa Manuel Iglesias e Rúa Vázquez (38.700€). Así mesmo, a Deputación ten aprobada xa unha achega de 146.800 euros vinculadas coa Liña 3 de fomento do emprego do +Provincia para contratar 10 traballadores. No tocante á Liña 2 de apoio ao gasto corrente, Vila de Cruces solicita 172.800 euros para sufragar gastos derivados da prestación de servizos de competencia municipal e 51.200 euros para a programación cultural do 2024. Mentres que da Liña 4 para a redacción de proxectos transformadores solicita a transferencia dos 19.200 euros que lle corresponden á Liña 2.

O presidente provincial mantén unha reunión de traballo co alcalde Luis Taboada

“Nos criterios que fixemos para o reparto de fondos do +Provincia aos concellos, un dos criterios que tivemos en conta foi o envellecemento e a perda de poboación. E concellos como o de Vila de Cruces se viron beneficiados”, explicou o mandatario provincial, logo de que o alcalde de Taboada celebrara a sensibilidade da Deputación e do seu presidente cos desafíos dos concellos do interior.

Outra liña de apoio da Deputación da que se beneficia o Concello de Vila de Cruces e do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Recibirá unha achega de 45.300 euros para a mellora e ampliación do ximnasio municipal, un investimento que se completará con 3.100 euros que aporta o Concello.

A reunión, que se encadra dentro da aposta do goberno de Luis López de tender pontes con todos os concellos da provincia, transcorreu nun clima de cordialidade e serviu para analizar outros proxectos en marcha e plans de futuro no que ambas as administracións colaboran. Neste sentido, o presidente adiantou o acordo de mellorar a seguridade viaria para os peóns entre os núcleos de Merza e Bascuas. “Hai un traballo previo, pero queremos ser máis ambiciosos e crear as infraestruturas necesarias para a seguridade viaria dos peóns entre estes núcleos”, afirmou o presidente Luis López ao remate da reunión.