A Deputación de Pontevedra reforza o seu compromiso cos deportistas de alto nivel da provincia
As axudas, cuxas bases se publicaron este martes no Boletín Oficial da Provincia, incrementan o seu crédito nun 10% ata chegar aos 275.000 euros
20/08/2024
A Deputación de Pontevedra publicou este martes as bases das súas axudas ao deporte de elite da provincia, que supoñen a obtención do recoñecemento na categoría de deportista de alto nivel (DEPO_DAN, ou DEPO_DAN+ no caso de deportistas con discapacidade) e deportista de alto nivel de base (DEPO_TALENTO). A liña está dotada dun crédito de 275.000 euros, o que supón un 10% máis en comparación co que percibían co goberno provincial anterior. A finalidade destas axudas é contribuír ao financiamento da actividade competitiva e á preparación técnica das e dos deportistas destacados da provincia.
Tanto unha como outra liña están divididas en subcategorías en función dos resultados obtidos durante o ano pasado. No caso da liña DEPO_DAN (A) ou DEPO_DAN+ (A+), na que tamén poderán obter recoñecemento persoas adestradoras ou xuízas-árbitro, existen catro escalas. Obterán as contías máximas (2.000 € ou 3.000 € no caso de discapacidade) quen obtivesen entre un primeiro ou un terceiro posto nun campionato do mundo, baixando progresivamente ata os 500 ou os 1.000 euros ou un cuarto posto en adiante nun campionato de España ou entre un primeiro e un terceiro posto no campionato galego. No caso da liña DEPO_TALENTO (B) existen tres escalas, que oscilan entre os 1.200 e os 500 euros, e está reservada unicamente para deportistas nados entre os anos 2007 e 2012.
A partir de mañá, mércores 21 de agosto, ábrese un prazo de 20 días hábiles para que os deportistas nacidos ou empadroados na provincia poidan solicitar as axudas. A Deputación contribúe, deste xeito, a que poidan custear os gastos derivados dos adestramentos, concentracións, competicións e viaxes, que poden supoñer un obstáculo para o desenvolvemento axeitado de carreiras profesionais complementarias ás súas carreiras deportivas. As bases pódense consultar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.