#DEPORTE

DEPO_DAN e DEPO_DAN+ e DEPO_TALENTO

Subvencións a deportistas de elite e promesas

A Deputación, no marco do desenvolvemento do Plan estratéxico de deportes, busca seguir traballando no fomento do tecido asociativo dentro da provincia coa aprobación de liñas de colaboración para fomentar a práctica da actividade física e deportiva.


No deporte de alto nivel intégranse as e os deportistas que participan ou teñen como obxectivo participar nas competicións e actividades de máximo nivel organizadas ou recoñecidas polas federacións deportivas, nacionais e internacionais. É unha práctica deportiva de interese para a provincia de Pontevedra, en tanto que representa un factor esencial no desenvolvemento deportivo, polo estímulo que supón para o deporte de base, pola súa función representativa da provincia de Pontevedra nas competicións deportivas oficiais do máximo nivel e por estar dirixida á obtención dos máximos resultados.

Un dos obxectivos deste Plan estratéxico é crear unha imaxe de marca provincial para fomentar e recoñecer as e os deportistas de alto nivel da provincia de Pontevedra, creando as categorías de deportista de alto nivel (DepoDAN) ou deportista promesa (DepoTALENTO) da provincia de Pontevedra.

DEPO-DAN

Considéranse DepoDAN as e os deportistas que están recoñecidos como deportistas de alto nivel pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia ou polo Consello Superior de Deportes na última lista publicada antes destas bases.

DEPO-TALENTO

Considéranse DepoTALENTO as e os deportistas que, aínda que non figuren no nivel anterior, sexan susceptibles de incorporarse proximamente, ben polas súas posibilidades de proxección futura a curto ou medio prazo, ben polo seu nivel actual de rendemento próximo a este.