Carmela Silva reclama axilidade á Xunta de Galicia para poñer en marcha as convocatorias derivadas dos fondos Next Generation

No almorzo coloquio de Galicia Foro Empresarial a presidenta provincial cualificou os Next Generation como “unha oportunidade histórica na que temos que envorcarnos porque sería imperdoable que unha cantidade inxente de recursos non se gastaran para transformar o territorio”

04/05/2022

Fondos Next Generation

Os Next Generation como unha oportunidade histórica “que sería imperdoable que se deixara pasar cando falamos dunha cantidade inxente de recursos destinados á transformación do territorio”. Así se expresou hoxe a Deputación de Pontevedra, Carmela Silva na presentación da súa ponencia centrada nos fondos europeos ante empresarias e empresarios da comarca de Arousa de sectores como a alimentación, o transporte, a maquinaria, o turismo, a automoción, as artes gráficas, a construción ou a madeira. Carmela Silva foi a invitada especial ao almorzo coloquio na Adega Gran Bazán, organizado por Galicia Foro Empresarial que preside Manuel García, na que tamén estivo acompañada de representantes do sector público como o presidente da Fegamp, Alberto Varela, e deputadas e deputados provinciais. A presidenta reclamou un compromiso de todas as administracións para “abandonar o ruído e o cuestionamento permanente para dedicarnos xunto ao sector privado ao que é necesario: temos que estar todas e todos coa lingua fora para conseguir implementar na provincia os centos de millóns de euros que están a chegar dos Next Generation”. Carmela Silva que mostrou a súa preocupación ante a baixa execución dos fondos en Galicia, reclamou á Xunta maior axilidade na posta en marcha das convocatorias, “amais dun esforzo para convocar ao sector privado a fin de que teña a máxima información que non lles está a chegar”.

Na súa conferencia ante o empresariado de Arousa, nunha comarca con máis de 200 empresas, 15.000 empregos directos e 4.000 millóns de facturación, Carmela Silva recordou que fronte á política de recortes coa que se afrontou a crise do 2007, agora tras a pandemia apostouse por políticas expansivas que están a permitir que España poida dispor de 140.000 MM de euros no período 2021/2026 ,aos que hai que sumar outros 36.000 MM de fondos estruturais para o 2021/2027, “co obxectivo non de repartir recursos senón de transformar”. Recursos que inciden, como recordou a presidenta, na transición ecolóxica, na transformación dixital, na cohesión social e territorial e na igualdade de xénero que se están a aplicar en  dez grandes políticas centradas na axenda urbana e rural, nas infraestruturas, na transición enerxética, na modernización da administración e na dixitalización empresarial, no pacto pola ciencia, a innovación e o reforzo do sistema da saúde, na educación, formación e coñecemento, na economía dos coidados e o emprego, na industria da cultura e do deporte e na modernización do sistema fiscal.  “É un momento crucial que non podemos desaproveitar –asegurou-. Esta inxente cantidade de proxectos e recursos precisa de que comunidades autónomas, moi particularmente por ser competentes na maioría das medidas a implantar, sexan áxiles e eficientes. É responsabilidade de todas e de todos que estes recursos cheguen á sociedade e preocúpame que non estea sendo así. Preocúpame a baixa execución que teñen as comunidades autónomas dos fondos Next Generation, particularmente a Xunta de Galicia. Xogámonos moito e temos que estar á altura desta capacidade histórica de inversións. Por iso precisamos un compromiso serio do sector público e privado para poñelas en marcha e que eses recursos se convertan en grandes transformacións”.

A presidenta recordou que nestes momentos a comunidade galega xa é beneficiaria de máis de 1.403 MM de € e está a  participar en 6 PERTES (vehículo eléctrico, renovables e hidróxeno verde, aeroespacial, saúde de vangarda, cadea agroalimentaria e economía circular). Tamén ten recibido 441 M de € transferidos polo Estado para dar resposta aos impactos da pandemia nos sectores económicos afectados e ademais, 818 M de € do conxunto das asignacións ás comunidades autónomas derivadas dos acordos das conferencias sectoriais, sendo Galicia a sexta comunidade en recibir máis fondos. A día de hoxe, xa se beneficiaron de forma directa máis de 120 empresas, máis de 360 concellos e Deputacións e máis de 70 asociacións e fundacións.

Xunto a estes recursos destacou as inversións do Estado para construír unha sociedade xusta e avanzada. Nomeou, neste ámbito ás prazas de escolarización de 0 a 3 anos, ao investimento en I+D en proxectos empresariais, aos incentivos para a mellora da calidade no emprego, á conectividade, ao 5G, a dixitalización e innovación, as rebaixas fiscais para fomentar o investimento privado en eficiencia enerxética ou 5G,as novas leis aprobadas ou o Plan Nacional de Vivenda, así como as axudas destinadas para empresas centradas no despegue de teitos solares, no fomento do transporte intermodal, nos ecoincentivos, na industria 4.0, nos programas de dixitalización, no apoio ao sector turístico, nas axudas Next-Tech Found, ou outras moitas que se xestionan a través das comunidades autónomas como a renovación de flotas de transporte e instalación de puntos de recarga, na extensión da banda ancha en polígonos industriais ou nas enerxías renovables.

Carmela Silva insistiu en que “estamos nun cambio de paradigma que obriga a cumprir os obxectivos e fitos establecidos e comprometidos, medindo as transformacións acadadas e non o gasto realizado. Por iso precisamos dun compromiso de todas as administracións, dos sectores económicos, do conxunto da cidadanía, porque se trata de desenvolver proxectos estratéxicos transformadores”.  Neste eido a presidenta explicou que dos 140.000 MM de €, 69.528 son transferencias directas, o 20, 7% destinadas á axenda urbana e a loitar contra o despoboamento; o 15% a infraestruturas; o 9,2% á transición enerxética; o 6,1% a modernizar a administración; o 23,1% a modernizar e dixitalizar a industria; o 6,1% á ciencia e ao sistema nacional de saúde; o 10,5% á educación e formación; o 7,2% á economía dos coidados e ao emprego; e o 1,2% a políticas vinculadas á cultura e ao deporte. A día de hoxe, tal e como explicou, as axudas resoltas benefician a máis de 11.500 proxectos da Administración do Estado que están sendo executados por máis de 6.000 empresas, máis de 1.000 entidades locais e máis de 2.400 universidades e centros tecnolóxicos.

“Asegúrolles –destacou Carmela Silva- que tamén desde a Deputación de Pontevedra estamos a facer un esforzo extraordinario. Estamos presentándonos a todas as convocatorias ás que se pode presentar o mundo local e a poñer en marcha numerosas iniciativas”. Referiuse ao Plan Estratéxico de Fondos Europeos que ten aprobado a institución, á area de Fondos Europeos recentemente creada, ao asesoramento e apoio que está a prestar aos concellos na xestión destes recursos e na difusión das axudas a través dun boletín informativo “que a partir de agora trasladaremos tamén ao sector privado”.

Tamén fixo fincapé nas “catro convocatorias do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio das que fomos beneficiarias e ao que tamén imos presentar un potente plan de enorutismo que pode beneficiar moito a esta comarca”. Falou igualmente do proxecto para a creación de dúas oficinas “Acelera Pyme” de Red.es para implantar en Cambados e Tui, aos 14 proxectos presentados ao programa DUS 5000, aos catro proxectos para iluminación eficiente ou ao convenio que asinaremos co Ministerio de Mobilidade para a elaboración do Plan de Axenda Urbana Pontevedra Provincia”. Avanzou tamén que “estamos traballando na posta en marcha de comunidades enerxéticas na nosa provincia, na participación no programa experiencias e turismo de España, na presentación de proxectos de rehabilitación dos nosos edificios públicos, no apoio aos concellos para financiarlles o custe de asistencias técnicas que lles permitan presentar proxectos para estes fondos ou no asesoramento para facilitar o desenvolvemento das accións de rehabilitación nos seus territorios”.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.