A Deputación e a Delegación do Goberno exemplifican dende o Grove a chegada da banda ancha de internet á totalidade do territorio da provincia
José Miñones destaca que o Goberno está mobilizando 1.000 millóns de euros para acadar a conectividade total antes de 2025 “fronte aos 20 millóns do período de Rajoy”
22/02/2023
Cada vez que a banda ancha chega a unha vivenda ou unha empresa a través da fibra óptica ou da conexión satélite 5G están entrando pola porta os fondos europeos Next Generation do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Así o puxeron de manifesto a presidenta da Deputación, Carmela Silva e o delegado do Goberno, José Miñones, xunto ao alcalde de O Grove, José Cacabelos, nunha visita a Porto Meloxo coincidindo co despregue da banda ancha, no marco do plan ÚNICO do Goberno do Estado, nesta zona do territorio grovense.
Carmela Silva contrapuxo “os datos e os feitos, fronte a unha Xunta e un Partido Popular que só saben queixarse contra o Goberno do Estado con cartitas e protestitas”. Cualificou como extraordinario que o Estado estea mobilizando 1.000 millóns de fondos europeos para garantir o 100% de conectividade no rural antes do ano 2025 “fronte aos 100 millóns que prevía investir Rajoy que, ademais, só foi quen de gastar 20 millóns”. “Estou orgullosísima de que este plan do Goberno, tan solicitado, tan “querido” en Galicia se estea convertendo nunha realidade palpable en tan só dous anos; isto si que é traballar para mellorar os servizos da xente, viva onde viva”. A presidenta, que o pasado día 25 xa organizou unha xuntanza da secretaria de Estado de Telecomunicacións, María González, cos alcaldes e alcaldesas para reforzar a cooperación no avance do plan ÚNICO-Banda Ancha na provincia, aplaudiu os esforzos da Delegación do Goberno por explicar “esta e outras convocatorias” enviando “comunicacións particularizadas aos concellos”. No caso deste plan, mesmo coas referencias catastrais das vivendas, que se comunican con antelación aos concellos para que poidan presentar as súas alegacións. Carmela Silva engadiu que os alcaldes e alcaldesas “que teñen “entendedeiras” valoran este esforzo”.
O delegado do Goberno, José Miñones, comparou o impacto desta aposta pola banda ancha co plan PEBANG de Mariano Rajoy que, ademais dun investimento case anecdótico, deixaba en mans das compañías operadoras a decisión sobre as vivendas a conectar, mentres agora é o propio Goberno quen decide e obriga. Miñones explicou que na provincia de Pontevedra, a convocatoria de 2021 do plan ÚNICO foi adxudicada a Telefónica, que ten de prazo ata decembro de 2023 para rematar as obras nas 18.973 vivendas que recibirán a fibra óptica. A convocatoria de 2022 foi parar a Avatel Telecom, que dispón dun prazo ata decembro de 2024 para sumar outras 18.973 vivendas. Deste xeito, antes do ano 2025 disporán da banda ancha un total de 41.289 vivendas da provincia gracias á mobilización dun total de 16.166.245 euros nestas dúas convocatorias. O plan completarase, para alcanzar o obxectivo do 100% de cobertura, cunha terceira convocatoria neste ano 2023 que inclúe tamén a expansión do 5G. “O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, en contra do que di a Xunta de Galicia, si que chega a Galicia e mesmo chega directamente ás casas”, concluíu.
José Miñones engadiu que, complementariamente ao despregue da fibra óptica, a partir da próxima primavera comezarán a operar os enlaces vía satélite 5G para as áreas rurais da provincia nas que sexa imposible o tendido. Farase no marco do gran contrato asinado polo Goberno de España con Hispasat e, ademais, a un prezo fixo de 35 euros ao mes. O plan estatal contempla, adicionalmente, subvencións de ata 600 euros para os particulares, empresas e mesmo concellos para a instalación dos equipos de recepción e distribución do sinal.
Pola súa banda, o alcalde do Grove, José Cacabelos, explicou que un 40% do seu municipio xa goza de banda ancha e destacou que Porto Meloxo é o último exemplo dun avance na conectividade que tamén se concretou en lugares como San Vicente, Balea, Boibas, Meloxo ou Reboredo “que, podería pensarse, serían os últimos e en cambio están sendo os primeiros, mesmo por diante dalgunhas rúas do núcleo urbano, onde estamos comezando agora mesmo as obras de tendido da fibra óptica”. “En moi pouco tempo”, celebrou, “o 100% do Grove terá conectividade á Internet de altas prestacións e iso mellorará a vida da xente, porque todo o mundo ten hoxe un dispositivo tecnolóxico conectado, pero tamén será algo extraordinario para as empresas e para a hostalería de toda a zona, que verán incrementada a súa competitividade”.