O Tribunal de Cuentas coloca ás deputacións de Pontevedra e Barcelona á cabeza do impulso á administración electrónica nos concellos

Carlos Font: “Esta é a marca da casa, a marca da Deputación de Pontevedra, unha institución que serve e atende a tódolos concellos por igual, sen ningunha distinción”

12/04/2022

Carlos López Font

A Deputación de Pontevedra é, xunto coa de Barcelona, a referencia en España no impulso da Administración Electrónica nos concellos da provincia. Así queda reflectido no último informe do Tribunal de Cuentas sobre “Fiscalización de la Asistencia a Municipios por las Diputaciones o entidades equivalentes en materia de Administración Electrónica en los municipios de entre 10.000 y 20.000 habitantes”. Un documento que vén de ser publicado e, ademais, elevado nos últimos días ás Cortes Xerais, ás Deputacións e aos municipios.

O deputado de Réxime Interior e Facenda, Carlos Font, amosou a súa satisfacción polo “aval do Tribunal de Cuentas” a unha “aposta pioneira”. “Ese informe sitúanos no podio de Admin-e. Comezamos a recollelos froitos ao traballo feito”. Font destacou que o cumprimento dos prazos fixados pola Lei de Procedemento Administrativo, aprobada en outubro de 2015, eran tan ambiciosos que algúns foron prorrogados, pero hoxe a dixitalización dos concellos é unha realidade. “Pode parecer fácil agora, pero no seu momento era un obxectivo a cumprir e non hai que esquecer as dificultades que moitos concellos desta provincia poderían ter para cumprir coa lei”. O deputado definiu á Deputación como o “concello de concellos”  e engadiu que o conseguido “é a marca da casa, a marca da Deputación de Pontevedra, unha institución que serve e atende a tódolos concellos en igualdade e sen ningunha distinción”.

Máis dun 90% dos habitantes poden facer xestións electrónicas

A principal conclusión do informe de fiscalización do Tribunal de Cuentas é que Pontevedra e Barcelona son as dúas deputacións que máis recursos económicos destinaron á transformación electrónica dos concellos, liderando así ás 58 deputacións, cabildos, consells insulares e comunidades autónomas uniprovinciais de toda España. “Arrancamos en decembro de 2016 e fomos pioneiros na implantación da Administración do Século XXI”, destacou Font, “a que prescinde dos expedientes en papel e da presencialidade obrigada en tódolos trámites, para dar paso á era da Internet”. Cuentas tamén sinala á Deputación pontevedresa como unha das tres únicas de España que subvencionou a contratación da banda ancha aos concellos e entre as cinco que lograron o reto de proporcionar asistencia a máis do 90% dos habitantes dos municipios de entre 10.000 e 20.000 habitantes. Un dato que Font contextualizou lembrando que o servizo da Deputación é de adhesión voluntaria para os concellos da provincia e só cinco optaron por un sistema propio. A Admin-e provincial, continuou, tivo unha gran acollida dende o primeiro momento e hoxe chega a 64 entidades locais (54 concellos, seis entidades locais menores e catro mancomunidades). A Deputación fináncialles o 75% do custe. Ademais, o servizo está aberto (máis alá do rango de poboación fiscalizado polo Tribunal de Cuentas) aos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes.

O compromiso coa calidade tamén foi obxecto da auditoría do Tribunal de Contas. A Deputación está entre as únicas sete que fixeron informes de seguimento da progresiva implantación e, ademais, entre as que contan con carta de servizos para avaliar os compromisos de calidade. Unha vez máis, só Pontevedra e Barcelona cumpriron con tódolos requisitos de calidade esixidos e obtiveron a certificación de cumprimento. Esta aposta pola calidade levou ao despregamento da totalidade das ferramentas electrónicas obrigadas pola lei e, ademais, alcanzou os máis elevados índices de prestación. Finalmente, a Deputación figura entre as 12 entidades provinciais de España que prestaron asistencia sobre o rexistro de empregados públicos habilitados e entre as 20 que garantiron coa súa asistencia técnica a protección de datos de carácter persoal.

O responsable de Réxime Interior da Deputación botou a vista atrás e destacou que a plataforma provincial leva xerado máis de 16 millóns de documentos electrónicos, máis de 3 millóns de sinaturas electrónicas, máis de 2 millóns de rexistros electrónicos e tramitou xa uns 700.000 expedientes electrónicos, cifras que, destacou, dan idea da magnitude do cambio na “vida administrativa” dos concellos. Ademais, na provincia hai unhas 6.000 persoas usuarias dadas de alta para interactuar online cos seus concellos. Un cambio organizacional e administrativo que foi crucial durante a pandemia, e moi especialmente durante o confinamento, subliñou Font. A Admin-e provincial posibilitou, a través do módulo de reunións virtuais a celebración de 2.290 xuntanzas de todo tipo, entre elas preto de 200 plenos, ademais das xuntas de goberno, comisións informativas, mesas de contratación, sesións de tribunais de selección de persoal e xuntanzas de traballo. Sen esquecer, concluíu Carlos Font, que unhas 6.150 empregados/as públicos/as puideron traballar para as entidades da Administración Local da provincia en remoto.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.