O Museo de Pontevedra “avanza con firmeza” cara a recuperación da Bienal de Arte, programada para o 2025
Rafa Domínguez: “Será un escaparate para a creatividade e o talento da nosa rexión e promoverá o intercambio cultural, o diálogo e a colaboración entre artistas locais, nacionais e internacionais”
27/09/2023
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou que “estamos avanzando con firmeza cara a recuperación da Bienal en Pontevedra, programada para o 2025” e asegurou que “será un escaparate para a creatividade e o talento da nosa rexión e promoverá o intercambio cultural, o diálogo e a colaboración entre artistas locais, nacionais e internacionais”. Coa recuperación da Bienal, “un evento que marcará un fito en Pontevedra, Galicia e en Europa” e “unha noticia que representa un paso significativo no mundo da cultura e da arte”, a Deputación de Pontevedra segue a dar pasos cara adiante no impulso de Pontevedra como cidade da cultura e referente nacional e internacional.
“Levamos meses de esforzo e planificación” para “revitalizar este importante evento e levalo a novas alturas en 2025” asegurou Rafa Domínguez. De feito, segundo avanzou, “a nosa visión é que a Bienal sexa unha plataforma que impulse a innovación artística e promova a diversidade cultural nun mundo cada vez máis interconectado”. “Pontevedra será o epicentro internacional da arte no 2025 e aquí presentaranse obras vangardistas que desafiarán as fronteiras da creatividade”, detallou. Ademais, o vicepresidente tamén remarcou que se converterá nun revulsivo para o turismo, “xerando un efecto multiplicativo nos visitantes” e contribuíndo ao crecemento “do turismo cultural en Pontevedra e á proxección internacional da cidade como destino cultural imperdible”.
A Bienal de Arte naceu no ano 1969 como formato competitivo, que abandonaría en 1990. Aquela primeira cita recoñeceu a Rafael Úbeda —recentemente protagonista dunha exposición no Museo de Pontevedra—, Manuel Torres e Juan José Oliveira. Desde aquela, e ata a última edición, en 2010, a Bienal converteuse nun referente a nivel internacional desde o punto de vista artístico e cultural que concentraba en Pontevedra as e os máis grandes artistas de todo o mundo. Os detalles da planificación e organización da Bienal de Arte do 2025 serán compartidos “na próximas semanas e meses”, así como “outros pasos que daremos desde o Museo”, asegurou o vicepresidente, quen amosou sentirse “emocionado” de traballar “en colaboración con artistas locais, institucións culturais e a comunidade para facer deste evento un verdadeiro reflexo da creatividade e da cultura de Pontevedra”.
Neste eido, Rafa Domínguez aproveitou a ocasión para asegurar que a Bienal incorporará o persoal “do Museo, a nova directora e os conservadores” e para recoñecer a implicación e compromiso das súas e dos seus traballadores. De feito, nesta mesma xornada o vicepresidente tivo un encontro formal co persoal das diferentes seccións do Museo para facelo partícipe das decisións que se van tomar desde a Deputación de Pontevedra para impulsar o Museo de Pontevedra. “As portas do meu despacho estarán sempre abertas para eles. O diálogo e a escoita activa marcarán a partir de agora a nosa relación” asegurou o vicepresidente, ao tempo que puxo en valor a traxectoria profesional da nova directora, Ángeles Tilve.