Rafa Domínguez confirma a artista palestina Raida Adon como unha das participantes da recuperada Bienal de Arte

A creadora e actriz palestina, refuxiada en París, visitou estes días Pontevedra e percorreu da man do vicepresidente provincial as instalacións do Convento de Santa Clara

07/09/2024

Presentación de Raida Adon

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra Rafa Domínguez acaba de confirmar a artista e actriz palestina Raida Adon, refuxiada en París, como unha das participantes da recuperada Bienal de Arte. A artista visitou a cidade, onde puido percorrer da man do vicepresidente provincial as instalacións do Convento de Santa Clara.

A XXXII Bienal de Arte de Pontevedra, que regresa despois de 15 anos e terá lugar na Boa Vila entre o 15 de xuño e 30 de setembro de 2025, “situará a cidade do Lérez no epicentro internacional da arte contemporánea e será tamén un importante revulsivo económico para toda a provincia”, asegurou Rafa Domínguez. Deste xeito, baixo o título “Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais”, a Bienal atraerá artistas destacados como Francesc Torres, Farida El-Gazzar, Patrice Warrener ou a propia Raida Adon, todos eles xa confirmados por Rafa Domínguez, e outros moitos de relevancia internacional. A Bienal promoverá o intercambio cultural con propostas artísticas innovadoras, ofrecendo un espazo para a experimentación e a creatividade, e integrando a cidade no evento ao fomentar a participación e o desfrute da arte por parte de toda a veciñanza.

Raida Adon é unha artista palestina nada en 1972, formada no Departamento de Arte da Academia Bezalel de Artes e Deseño de Xerusalén. Foi mestra de arte na Academia Bezalel e no Sapir College of Art, ademais de directora do departamento de árabe da Escola de Fotografía de Xerusalén. A maior parte da súa obra correspóndese coa videoarte, na que amosa a situación palestina e israelí desde 1948. Foi a primeira muller en presentar unha exposición individual no Museo de Israel despois de máis de sete décadas de existencia. Ademais de creadora, Raida Adon tamén é actriz, participando recentemente en títulos como ‘Fauda’ ou ‘Bortført’ (‘A rapaza de Oslo’), ambas as dúas producións orixinais de Netflix.

 

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.