A Deputación alcanza un investimento récord de 62,2 millóns de euros no Baixo Miño
Carmela Silva destaca que entre as 515 obras realizadas hai “símbolos” como a recuperación do núcleo de Paramos, o pavillón da Sangriña, as prazas do Seixo e do Calvario, a Alameda de Goián ou a baixada ao porto da Guarda
13/02/2023
“As Administracións teñen a obriga de dar conta sobre o uso que dan aos recursos públicos”. Con esta premisa compareceu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, nun almorzo informativo en Tui no que detallou o destino dos 62,2 millóns achegados ao Baixo Miño durante os dous mandatos que rematarán o próximo verán coas eleccións municipais. Carmela Silva afirmou que este volume récord, “con investimentos como nunca antes se vira na historia do Baixo Miño” financiaron un total de 515 obras, a realización de case 1.800 actividades socioculturais e deportivas e a creación de 721 postos de traballo en servizos municipais para persoas desempregadas nos concellos de A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño e Tui. “Todo o que se fixo no Baixo Miño leva o nome e apelidos da Deputación de Pontevedra”, concluíu.
A aposta da Deputación polo impulso a esta comarca traduciuse nun 109% máis de recursos que os que chegaban durante o anterior período de goberno do Partido Popular á fronte da institución provincial. Por concellos, A Guarda recibiu 13,3 millóns de euros, Oia, 5 millóns de euros; O Rosal, 7,7 millóns de euros; Tomiño, 18,4 millóns de euros e Tui, 13,3 millóns de euros. Un fluxo que chegou maioritariamente do Plan Concellos, que se reparte con criterios obxectivos nos que se valora a poboación, extensión e dispersión. A este reparto, Carmela Silva, sumou os 6 millóns de euros de fondos europeos investidos no Baixo Miño gracias, fundamentalmente, ao liderado da Deputación dentro da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Rio Minho. “Esta comarca estaba especialmente castigada polo anterior Goberno provincial do PP, polo que o salto foi enorme”, afirmou. Entre os equipamentos e dotacións que simbolizan este apoio da Deputación citou obras como a recuperación do núcleo de Paramos (Tui) tralos danos da explosión da pirotécnica; as novas prazas do Calvario e do Seixo, o novo pavillón da Sangriña ou a baixada ao porto da Guarda pola rúa de Concepción Arenal. Citou tamén a Alameda de Goián ou a gran variante de Tomiño, “que tiña que ter financiado integramente a Xunta de Galicia, porque conecta unha estrada autonómica”.
A presidenta rexeitou o maltrato sistemático da Xunta de Galicia ao Baixo Miño. Así explicou que a única obra que o Goberno galego vai executar “en tempo e forma” durante este 2023 é a mellora hidráulica no río Viladesuso (Oia) con 325.000 euros de fondos europeos. “Quen goberna en Oia?”, preguntouse. Sobre a anunciada reparación do peirao da Pasaxe, na Guarda, para volver poñer en servizo o ferri a Caminha, fóra de servizo dende 2021, lamentou o despropósito de ter deixado pasar todo o ano Xacobeo 2022. Recordou que o Xacobeo gastou xa 86 millóns de euros, sen encaixar neste avultado orzamento os 302.000 euros que custa reparar un transporte que é clave para o Camiño pola Costa. Sobre o enlace de Areas (Tui) coa vía de altas prestacións do Baixo Miño lamentou que, ao igual que sucede no resto das VAP de Galicia, acumula xa máis dunha década de atraso. “Parecería que o Baixo Miño non fose Galicia”, ironizou. Para rematar criticou que a Xunta siga negándose a construír o acceso Sur ao porto da Guarda, unha actuación que permitiría recuperar todo o espazo público no centro do pobo, a pesar de que a Deputación elaborou varios proxectos “mentres a Xunta só pon negativas”.
“Indignada” coa Xunta pola desatención aos danos causados polos temporais
Carmela Silva detívose especialmente na desatención a esta comarca tralas inundacións rexistradas durante os pasados meses de decembro e xaneiro. A Deputación vén de aprobar en pleno, por unanimidade, poñer en marcha un plan complementario de axudas ás que, en virtude das competencias exclusivas derivadas da Lei de Emerxencias e do Estatuto de Autonomía, corresponde aprobar, en exclusiva, á Xunta de Galicia. Para elo, a Deputación instou repetidamente ao Goberno galego a declarar formalmente a Emerxencia de Interese Galego e aprobar o decreto que delimite as zonas afectadas e os criterios de reparto das axudas autonómicas. Carmela Silva afirmou estar “indignada” cunha Xunta “que aínda non deu un paso para garantir que haxa recursos fronte ás inundacións na comarca que máis problemas sufriu; é un escándalo”.
Afirmou a presidenta que a Deputación xa ten case elaboradas as bases dun plan complementario que só pode ver a luz unha vez que a Xunta cumpra coas súas obrigas derivadas dunha lei galega. “Teñen tanta desvergonza”, engadiu, “que están enviando cartas aos concellos dicíndolles que están esperando a unha xuntanza coa Delegación do Goberno e a Deputación”. Subliñou que hai concellos con perdas estimadas nun millón de euros. “As competencias son dunha Xunta de Galicia, que nin sequera convocou aos concellos”. Insistiu en que ao Goberno galego tócalle “xa”, por obriga legal, aprobar a Emerxencia galega e o decreto cos criterios xeográficos e de reparto das axudas.
O Plan Concellos, cun total acumulado de case 32,6 millóns de euros, foi “o motor do cambio” nestes últimos 8 anos no Baixo Miño, achegando un fluxo de financiamento estable que se traduciu en 324 obras financiadas con este instrumento. En A Guarda executáronse 79 obras (6,1 millóns de euros) como a reparación da Casa do Concello, o novo céspede no campo da Sangriña, o skatepark en Atalaia ou as melloras das rúas Calvario, San Amaro e Cal. Agora mesmo estase executando camiño escolar seguro ao colexio Manuel Rguez. Sinde (248.000 euros), a mellora da rúa Coruña (318.000 euros), o acondicionamento dos vellos patios do Vello Sinde (150.000 euros) ou pavimentacións e saneamentos por valor de case 137.000 euros. En Oia saíron adiante 72 obras (3,6 millóns de euros) co Plan Concellos entre as que están as compras de terreos para un parque e aparcamento municipal, ademais do ascensor do centro sociocultural de Pedornes e unha ducia de obras de saneamento e abastecemento. Agora estase actualizando a oficina de turismo (78.700 euros), mellorando camiños municipais e acondicionando o acceso á pasarela peonil colgante (case 49.000 euros). En O Rosal financiáronse 66 obras (4,6 millóns de euros), como a gran reforma da Praza de Abastos (máis de 550.000 euros investidos), a mellora do auditorio municipal (161.000 euros), así como melloras na rede de augas e a compra dun camión para a recollida de lixo. Agora estamos reconfigurando a estrada vella de Tabagón (169.990 euros), renovando a contorna do Calvario (168.583 euros) e reformando o edificio do colexio rural María Zambrano (100.000 euros). No Concello de Tomiño materializáronse 42 obras (9,9 millóns de euros) para mellorar a mobilidade ciclista e peonil na rúa República Arxentina (441.000 euros), mellorouse a accesibilidade ao salón de plenos, construíuse a senda peonil no Camiño Novo, acondicionouse a praza de Figueiró, transformouse a Alameda de Goián (máis de medio millón de euros) e o campo de fútbol do Alivio, entre outras actuacións. Agora estase mellorando a estrada de Barrantes (134.300 euros), acondicionando os torreiros de Vilameán (237.668 euros) e Taborda (case 200.000 euros), o acondicionamento do pavillón de Carballa (202.040 euros) ou o saneamento de Vilarchán (201.000 euros). Finalmente, en Tui executáronse 65 obras (8,3 millóns de euros) para a glorieta de enlace coa A-55 en Guillarei, reformar as beirarrúas da rúa Colón (case 850.000 euros en total), acondicionar os comedores do colexio número 2 ou facer realidade a ruta peonil e ciclista na rúa Loureiro-Veiga Louro. Na actualidade, o Plan Concellos financia o acondicionamento das piscinas municipais (322.828 euros), ampliación da reforma interior do centro cultural das Laxes (306.478 euros) e humanizara rúa Lugo (252.340 euros).
Os plans extraordinarios convocados pola Deputación nestes dous mandatos financiaron 9 grandes obras nas dúas comarcas cunha achega global de 4,8 millóns de euros. As actuacións deron cobertura a obras transformadoras en equipamentos e dotacións municipais, tamén con fondos repartidos en igualdade de condicións e concorrencia competitiva. Financiáronse así proxectos como a mellora da seguridade nas rúas Vigo e Celta (A Guarda), o gran acondicionamento da praza do Seixo (Tomiño), a recuperación do núcleo da Torre en Paramos e parte da mellora da mobilidade peonil e ciclista na rúa República Arxentina (Tomiño). Agora mesmo, con cargo ao plan ReacPon estanse impulsando cinco grandes proxectos, un por cada concello da comarca. Xa está inaugurado o novo pavillón da Sangriña (A Guarda), onde a Deputación achegou 609.673 euros desbloqueando a execución desta gran obra; rematada tamén a remodelación da praza do Calvario (A Guarda) con outros 517.938 euros. Finalmente, están en marcha as obras de acondicionamento da praza da Burgueira (Oia) con 241.081 euros; o espazo cultural lsaura Gómez (Tomiño), con 1.208.423 euros, e a humanización das rúas Antero Rubín e Canónigo Valiño (Tui), con outros 717.820 euros.
As estradas provinciais do Baixo Miño recibiron máis de 9,1 millóns de euros cos que se realizaron 167 obras entre as de mobilidade peonil, pavimentacións, calmado de tráfico e conservación. Tamén se financiaron os catro plans de mobilidade urbana sustentable aprobados nesta comarca e dous camiños escolares seguros. Entre as 26 grandes obras de seguridade viaria realizadas está a mellora da mobilidade sostible na estrada de Caldelas (Tui), con 589.051 euros e a gran actuación, agora mesmo en execución, en Ribadelouro, incluíndo a habilitación dunha variante do trazado da estrada a través de vías municipais (468.300 euros). Tamén se transformou a baixada ao porto da Guarda (rúa Concepción Arenal), con 1.714.888 euros e fíxose realidade a variante de conexión da estrada Tomiño-Sabarís coa autonómica PO-344 no Seixo (Tomiño), cun gran investimento de 2,8 millóns de euros. Ademais, a Deputación xa rematou a primeira fase da senda peonil continua de 4,5 Km que unirá Tabagón con Goián, cunha primeira achega de 650.444 euros. As dúas seguintes fases, cunha previsión total doutros 1,2 millóns de euros, avanzan na súa tramitación previa.
En canto aos fondos europeos captáronse máis de 6 millóns de euros coa AECT Rio Minho como protagonista. Os proxectos SmartMinho, Visit Rio Minho e Rede Lab Rio Minho xa comezaron a deixar froitos en promoción do turismo verde, restauracións paisaxísticas e creación de sendeiros así como coa rede de bicicletas eléctricas transfronteirizas que está materializándose. A boa xestión permitiu captar dous novos proxectos (Smart Minho Plus e Vive Rio Minho) financiados cos remanentes que deixaron sen gastar outras áreas transfronteirizas. A Deputación tamén logrou financiar proxectos de mobilidade sostible, iluminación sostible, substitución de caldeiras de gasoil e modernización do punto limpo da Guarda, todo elo, con fondos FEDER cun subtotal de máis de 1,5 millóns de euros. A Deputación achegou tamén 246.763 euros directamente a estes cinco concellos durante a pandemia de Covid19.
Por servizos provinciais destacan as 34 subvencións concedidas aos concellos e os 71 cursos organizados para a veciñanza dende a área de Igualdade. O servizo provincial de Cohesión Social investiu 2,9 millóns de euros no Baixo Miño para financiar os Servizos Sociais municipais, as case 400.000 axudas de emerxencia social repartidas a persoas vulnerables e en atender ás 467 persoas que contan con teleasistencia. Ademais, 11 asociacións recibiron subvencións para proxectos sociais e 4.606 persoas participaron en actividades de dinamización organizadas pola Deputación. A área de Emprego formou a 121 persoas que veñen de obter o seu grao universitario ou completaban os estudos de formación profesional. Dende Turismo financiouse con 1,2 millóns de euros a obtención de 45 novos selos de calidade para empresas do sector, promocionouse o Camiño Portugués e o Camiño pola Costa e dixitalizáronse as oficinas da rede Info Rías Baixas. O servizo provincial de Transición Ecolóxica financiou con 13 axudas ás cooperativas agrogandeiras e confrarías de pesca e impulsou o desenvolvemento de parques forestais en A Guarda e Oia. O programa Revitaliza impulsou a compostaxe con achegas de 787.447 euros que son especialmente visibles en Tomiño, onde xa se xestiona o plan municipal de compostaxe. A área de Cultura fixo posible a realización de 1.271 actuacións culturais no Baixo Miño. Dende o servizo de Patrimonio, Lingua e Memoria retirouse simboloxía franquista e rehabilitáronse elementos patrimoniais. O servizo de Deportes achegou 1,4 millóns de euros aos 81 clubs, 47 deportistas e 31 escolas deportivas da comarca. A área de Novas Tecnoloxías fixo chegar a Administración electrónica a tódolos concellos e formou ao persoal. Ademais, 84 empresas recibiron asesoramento do programa provincial SmartPeme. Finalmente, a Deputación financiou o Grupo de Emerxencias Supramunicipais de A Guarda cunhas achegas totais de 589.000 euros.