O Plan ReacPon da Deputación transforma a praza do Campo de Burgueira en Oia
Con esta actuación a veciñanza gaña un novo e demandado espazo público con identidade propia que supuxo un investimento de 268.000€
04/03/2023
Cunha nutrida presenza da veciñanza, Oia amosou este sábado o renovado aspecto da praza do Campo de Burgueira, que vén de ser obxecto dunha total transformación ao abeiro do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra, para converterse nunha contorna con identidade propia e nun novo punto de encontro e de esparexemento para a cidadanía. A música tradicional dos grupos locais “As Caramuxas” e “Tralo Mosteiro” ambientou a inauguración da praza, na que participaron as deputadas provinciais Iria Lamas e Ana Mejías xunto á alcaldesa Cristina Correa e concelleiras e concelleiros do municipio. A ambiciosa actuación supuxo un investimento de 267.867€, dos que a Deputación aportou 241.080 € e o Concello 26.786€.
Os traballos desenvolvidos permitiron renovar por completo a praza do Campo, un lugar estratéxico a carón da Igrexa de San Pedro, no corazón da parroquia de Burgueira, para convertela nun espazo polivalente e respectuoso co medio e o patrimonio. Deste xeito, a contorna é xa un lugar de reunión para a veciñanza totalmente accesible, cos seus límites definidos e separados da estrada e do camiño que o rodean.
A nova gran praza pública que vén de ser inaugurada viu mellorado o acceso peonil e conta con aparcadoiro, pérgola, banco perimetral, miradoiro cara ao val de Burgueira, área de sombra e superficie libre para actos e festexos. Amais, a actuación ten posto en valor un elemento patrimonial tan importante como o cruceiro existente no lugar. O acondicionamento e embelecemento da praza do Campo incluíu tamén nova iluminación, máis eficiente, e novo pavimento.