A Deputación avanza na tramitación de proxectos europeos de transformación dixital e de apoio ao comercio con 560.000 euros
O Goberno provincial adxudica a subministración de dispositivos de reciclaxe de residuos especiais e a integración dos concellos coa Carpeta Cidadá do Estado
22/12/2023
A Deputación de Pontevedra segue a avanzar na tramitación de proxectos financiados con fondos europeos que benefician aos concellos da provincia. Nesta ocasión, como informou o presidente provincial, Luis López, en conferencia de prensa, a Xunta de Goberno aprobou adxudicar dúas novas actuacións cun orzamento total de 558.000 euros e que beneficiarán a 46 concellos da provincia.
Por unha banda, adxudícase a instalación de dispositivos para reciclaxe de residuos especiais, ao abeiro do proxecto “Da túa man” (rural) de apoio á actividade comercial da hostalería local do rural da provincia, por 38.659 euros, nos concellos de Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves e Rodeiro. O obxectivo é achegarlle á cidadanía o servizo de recollida de pequenos residuos domésticos que poidan depositarse no punto limpo pero que, polo seu volume ou tamaño, soen acumularse no fogar ou se eliminan na bolsa de lixo convencional coma DVD, luminarias, pilas, aparatos eléctricos e electrónicos de pequeno formato, teléfonos móbiles, cartuchos de impresoras etc., sen chegar a trasladarse a esa instalación.
Pola outra, a Xunta de Goberno da Deputación adxudicou por 519.400 euros o proxecto de integración dos sistemas de Administración electrónica de 45 concellos coa Carpeta Cidadá da Administración do Estado, a plataforma tecnolóxica que lle permite á cidadanía un acceso sinxelo e rápido a diferentes tipos de información relacionados cos seus trámites. O proxecto enmárcase dentro do programa de transformación dixital dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, que está financiado con 2,5 millóns de euros de fondos europeos e que está formado por cinco liñas diferentes.