As obras que calmarán o tráfico con plataforma única nos núcleos de Broullón e Aldea de Abaixo, en Meaño, xa están en fase de licitación

Os traballos contan cun orzamento de 375.468 euros e reforzarán o carácter patrimonial da contorna da capela das Angustias

14/06/2022

O proxecto de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-9302 entre os núcleos de Broullón e Aldea de Abaixo, en Meaño, xa está en fase de licitación para que as empresas construtoras presenten as súas ofertas. A Deputación adxudicará en breve esta actuación, que saíu a concurso cun orzamento de 375.468 euros, e que vai supor un importante cambio para a veciñanza desta zona en forma de espazos para camiñar de forma segura e cómoda.

A obra permitirá estender o modelo de mobilidade amable da Deputación no marco da colaboración co Concello meañés. En virtude do convenio asinado a institución provincial achegará 262.828 euros (70%) e o Concello o 30% restante.

Os núcleos rurais de Broullón (Xil) e Aldea de Abaixo (Covas), que agora contan con calzadas asfaltadas de ancho irregular e carecen de beirarrúas pasarán a gozar de plataformas únicas sobreelevadas 10 centímetros e correctamente sinalizadas para o calmado de tráfico e remarcar a prioridade peonil. Serán pavimentos de formigón que cada 14 centímetros disporán de bordos transversais de pedra gris de 30 centímetros de ancho. Na contorna da capela das Angustias, en Broullón, empregarase un pavimento de lousa de granito gris para dar continuidade ao tratamento patrimonial do adro do recinto relixioso. A nova sinalización horizontal e vertical limitará a velocidade para garantir a seguridade. A maiores, as actuacións comprenden a eliminación das redes aéreas de iluminación, telefonía e electricidade ao soterrar todas as conducións. Ademais, a nova rede de iluminación contará con luminarias LED -máis respectuosas co medio ambiente- sobre columnas e, na zona da igrexa, con farois de fachada. A obra complétase cunha completa actuación para a drenaxe das augas pluviais cunha rede de colectores, sumidoiros en ambas marxes e un pozo de rexistro central.

Os dous núcleos rurais sitúanse no traxecto da estrada que comunica Xil con Barrantes cunha lonxitude total de 5,7 Km e unha intensidade media de circulación de 510 vehículos ao día. Polo concello de Meaño transcorren un total de oito estradas provinciais.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.