As Neves avanza no seu “gran circuíto peonil” recuperando espazo público para a cidadanía a través de importantes investimentos da Deputación

A presidenta e o alcalde visitaron os traballos practicamente rematados na Travesía Eira da Liñaza e a remodelación xa acometida na praza de Santo Agostiño, nos que se investiron máis de 650.000 € a través de plans extraordinarios da Deputación

27/02/2023

As Neves

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou este luns acompañada do alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, as grandes obras de recuperación do espazo público financiadas no centro urbano do Concello a través dos plans extraordinarios da Deputación: a transformación da rúa Rosalía de Castro, a praza de Santo Agostiño e contorna, na que se investiron 255.000 € con cargo ao Plan DepoRemse, e a humanización da Travesía Eira da Liñaza cun investimento de 400.000 euros a través do ReacPon. Na visita tamén se anunciaron as inminentes obras que se realizarán na estrada da estación, EP-4204, para a mellora da mobilidade peonil do primeiro treito desta infraestrutura viaria, nas que se investirán 177.000 €. Estas tres actuacións, situadas en continuo, conforman o que a presidenta Carmela Silva cualificou como “o gran circuíto peonil que está construíndo As Neves”.

A presidenta, que asegurou que “neste percorrido pódese ver unha vila que agora é outra”, sinalou que os tres proxectos “falan de progreso e de permitir que a cidadanía teña unha excelente calidade de vida ao recuperar o seu espazo e a beleza deste concello que foi moi maltratado por accións urbanas que non eran acordes”. Carmela Silva sinalou que fronte a este modelo, con beirarrúas estreitas ou vías que estaban pensadas só para os vehículos, “a Deputación posibilita un cambio transcendental e único, centrado nas persoas, e iso fainos moi felices porque a política ten que servir para mellorar a vida da xente”.

De feito, grazas ás obras acometidas, “as nenas e os nenos xogan na rúa, as persoas maiores camiñan con seguridade e conviven e relaciónanse con outras, e a xente con dificultades de mobilidade móvese sen temor ás inseguridades que producían os modelos anteriores. Toda a veciñanza goza do espazo público e iso fai que As Neves sexa un lugar onde merece moito a pena vivir”. Por iso, a presidenta deu os parabéns ao goberno local e puxo o foco na forma de actuar da Deputación fronte a administracións como a Xunta de Galicia, que “nin inviste nin ten a ben que as nosas obras poidan ter continuidade. Non se pode consentir que só haxa investimentos en período preelectoral e só en concellos gobernados polo Partido Popular”.

Pola súa banda, o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, puxo o foco na “boa relación entre Concello e Deputación nestes oito anos desde o actual goberno”, e asegurou que “non é difícil levarse ben porque a capacidade de entendemento foi espectacular, non só por vontade senón por convicción”. Con esta visita o alcalde celebrou “que a través da Deputación transformamos un espazo excepcional que estaba degradado e que agora se constrúe nunha simbiose entre estrutura urbana e estrutura natural” co obxectivo de que “a xente estea a gusto”. E lembrou que a Deputación “inviste con obxectividade en todos os concellos, o que garante unha actitude política positiva e construtiva, fronte a unha destrutiva, a da Xunta, que só ten en conta quen pertence a que partido”. Por iso, asegurou, “temos que conseguir que a política sexa capaz de superar as barreiras e que os proxectos non paren porque alguén teña ou non unha ideoloxía”, en alusión a un treito de menos de 100 metros da estrada autonómica PO-415 (entre Santo Agostiño e Eira da Liñaza) onde a Xunta impide actuar, o que provoca unha fenda entre as actuacións do DepoRemse e do ReacPon e unha ausencia de cohesión na trama urbana da vila.

Tres proxectos con fondos provinciais para mudar a panorámica urbana das Neves

As obras da humanización da Travesía Eira da Liñaza financiadas co ReacPon tiveron un investimento de 400:000 euros: 360.000 € da Deputación e 40.000 do Concello das Neves no marco dunha aposta compartida por ambas administracións para a recuperación do espazo público para as persoas e a convivencia de usos peonís e rodados. Esta actuación contribúe á mellora da seguridade e mobilidade alternativa nun ámbito atravesado por infraestruturas pensadas para o tráfico rodado e busca o grande obxectivo de facer das Neves un lugar atractivo para vivir. Para iso, as obras contemplaron a dotación de prioridade peonil para xerar un espazo de convivencia, a limitación das zonas de aparcamento, o estabelecemento de franxas verdes para dar un aspecto máis amable que fomente a mobilidade peonil, a execución dun miradoiro con vistas ao Río Miño e á súa orografía, a instalación de puntos adicionais de alumeado público e o acondicionamento das redes de servizo.

En canto ao proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-4204, a estrada das Neves á estación de ferrocarril, a administración provincial e o Concello investirán 177.000 euros (80% Deputación e 20% Concello) nun treito de 550 metros co fin de crear itinerarios peonís e seguros para as persoas. Na actualidade a vía carece de itinerarios peonís, polo que a xente camiña pola calzada en condicións de escasa seguridade. Con estas obras, que teñen un prazo de execución de 5 meses, construirase unha senda peonil de 125 metros na marxe dereita da estrada e ampliarase a marxe esquerda da calzada para que os carrís teñan 2,75 metros de ancho. Tamén se creará unha zona de convivencia con preferencia peonil, de 25 metros de lonxitude, no cruce entre a estrada e a Travesía Eira da Liñaza. A partir deste punto e ata o final da actuación ampliarase a plataforma de firme na marxe esquerda, renovarase a capa de rodaxe e realizarase o seu fresado. Ademais, renovarase a rede de pluviais, a de alumeado público soterrada, a sinalización e o mobiliario urbano.

No marco do DepoRemse investíronse 255.000 € (o 90% pola Deputación e o 10% polo Concello) para transformar a contorna do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e a praza de Santo Agostiño a través da rúa Rosalía de Castro. Este espazo pasou de estar invadido por vehículos a ser reordenado cunha plataforma única de pedra, seguindo a estética empregada no centro urbano das Neves. Na contorna do colexio reordenouse o aparcamento cunha beirarrúa de 2,5 metros de anchura, co marcado dos espazos e identificación mediante marcas viarias dos destinos dos autobuses. Tamén se retirou unha torre de electricidade, unha gran demanda da comunidade escolar. Por último, na rúa Rosalía de Castro creouse un itinerario peonil, accesible e seguro, ampliouse unha das beirarrúas e dispuxéronse pasos peonís sobre a calzada reforzados con luminarias no chan para dotar ao espazo dunha mellor visibilidade.

Galerias de imaxes

videos