“As mulleres que opinan” fan memoria cun libro que mostra que “non só son perigosas, senón máis necesarias que nunca”
Diana López e Susana Pedreira subliñan que catro anos despois hai máis mulleres opinando nos medios “polo que agora temos que facer un exercicio de resistencia”
29/03/2022
Cun formato de debate ao mellor estilo do foro “As mulleres que opinan son perigosas”, as xornalistas Diana López Varela e Susana Pedreira deron a coñecer hoxe no Pazo Provincial da Deputación os contidos do libro que fai memoria da primeira edición do congreso celebrada no 2018, que puxo á provincia de Pontevedra como centro e referencia da igualdade e o feminismo no Estado. O salón de plenos vestiuse esta tarde de lila e coas ilustracións de Emma Gascó, que inclúe a obra, para acoller a presentación deste volume, que converte os quince relatorios daquel debut noutras tantas crónicas coas que as xornalistas buscan reflexionar sobre o eco do evento despois de catro anos e unha pandemia. No acto, no que se deron cita máis de medio cento de representantes do xornalismo, da política, da cultura e da Universidade, López e Pedreira mantiveron un ameno diálogo coa presidenta provincial, Carmela Silva, e co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que subliñaron a repercusión acadada polo congreso e amosaron a súa emoción pola próxima volta á presencialidade do debate.
“As mulleres que opinan son perigosas. Catro anos e unha pandemia despois” repasa en clave xornalística os trece relatorios e as dúas mesas daquel primeiro congreso, que xurdiu en resposta a un foro de columnistas en León que non incluíra a ningunha muller. Na primeira edición participaron, amais de Susana Pedreira e Diana López, María Varela, Ana Bernal Triviño, Elisa Beni, Marta García Aller, Rosa Montero, Fernanda Tabarés, Inma López Silva, Lucía Taboada, Emma Gascó, Anita Botwin, Celia Blanco e Ana Pardo de Vera. Do volume se ten realizado unha tirada de 1.500 exemplares que tamén se distribuirán na quinta edición do congreso.
Como explicou hoxe Susana Pedreira, "o libro é un exercicio de periodismo para recuperar e gardar a memoria da primeira edición dun congreso pioneiro como foi ‘As mulleres que opinan son perigosas’, e para reflexionar desde a actualidade entrevistando ás protagonistas. Pasaron catro anos e unha pandemia, e todo o vivido desde entón atravesa o libro porque atravesou as vidas de todas nós, de todos os que estades hoxe aquí". Para a xornalista, despois do período transcorrido "non hai dúbida de que hoxe hai máis mulleres opinando nos medios de comunicación que fai catro anos”. “Todas as xornalistas convidadas a Pontevedra en 2018 seguen opinando –afirmou-, e moitas delas ampliaron os espazos mediáticos nos que teñen palestras desde as que facerse escoitar". Tamén Diana López Varela insistiu en que “catro anos e unha pandemia despois se algo teño claro é que as xornalistas feministas non só somos perigosas senón que somos máis necesarias que nunca para o oficio e para o conxunto da sociedade". "Custounos moito ocupar os espazos e agora temos que facer un exercicio de resistencia, aínda que as veces custe –engadiu-. E custa moito mais cando es nai".
A presidenta provincial Carmela Silva lembrou con emoción aquel primeiro foro “e a rabia contida que deu pulo a un encontro que nos encheu de inmensa felicidade e ledicia”. “Porque hai mulleres –sentenciou-,moitas e moi potentes. Grandes xornalistas con voz e ideas propias repletas de optimismo, que rompen teitos de cristal e de formigón armado. Mulleres que se encontraron e situaron a provincia como un grande eixe central e reivindicativo da igualdade no xornalismo de todo o Estado, pero tamén como punto de encontro anual e como xeito de tecer unha rede de amizade, intercambio de ideas, de colaboración e sororidade inigualable”. Lamentablemente, resaltou, “aínda hai que seguir facendo moito traballo de pico e pa, esforzarse en derrubar teitos de cristal e rachar con chans pegañentos e apostar por visibilizar o talento das mulleres”. Neste senso, apuntou que a obra presentada hoxe rememora un momento histórico que se produciu ás portas do 8M e constitúe un novo pilar “polo que supón de memoria para as novas xeracións” dentro desta loita pola igualdade, como o serán as vindeiras edicións “que xa estamos agardando con impaciencia”.
Pola súa parte, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores destacou a importancia da publicación que hoxe se vén de presentar; de que o papel recolla as ponencias e as intervencións realizadas durante estes anos no foro “As mulleres que opinan” nun compendio que poida ser consultable en calquera momento. “Será a mostra do labor desenvolvido a prol do feminismo por ducias de mulleres que escolleron Pontevedra para ser un referente na defensa dos dereitos das mulleres”