Arranca o II Encontro Nacional de Políticas Públicas da Escola de Igualdade María Vinyals reivindicando situar no centro do discurso político á igualdade

Carmela Silva: “Vivimos momentos difíciles pero son optimista. Nós temos a nosa axenda, a axenda feminista, a das mulleres e non imos permitir que outras axendas impidan que poida avanzar a metade do mundo e transformar a sociedade”

01/06/2022

II Encontro Nacional de Políticas Públicas  

A violencia sexual como vulneración dos dereitos humanos marcou o arranque do II Encontro Nacional de Políticas Públicas da Escola de Igualade María Vinyals da Deputación que se está a desenvolver no castelo de Soutomaior. A cita, que está a ser seguida por máis dun centenar de persoas presencialmente e por outro cento a través de www.depo.gal, foi inaugurada pola presidenta Carmela Silva quen enxalzou a necesidade deste encontro para "debater, da man de mulleres moi potentes, extraordinarias, creando redes de mulleres e con argumentos, teorías, coñecemento, e reflexións conxuntas para seguir avanzando e transformar o mundo". Durante o acto de inauguración proxectouse un vídeo en homenaxe a Ouka Leele, recentemente falecida, creadora da imaxe corporativa da Escola de Igualdade María Vinyals.

A presidenta da Deputación de Pontevedra amosou durante a inauguración do encontro a súa preocupación xa que "a igualdade hoxe non está no discurso político e se as mulleres non estamos na toma de decisións non poderemos facer transformacións". "Vivimos momentos difíciles-engadiu-, onde se están confundido axendas, pero son optimista. Nós temos a nosa axenda, a axenda feminista, a das mulleres e non imos permitir que outras axendas impidan que poida avanzar a metade do mundo e transformar a sociedade". Por este motivo reivindicou "que o mundo tome nota, que aquí estamos as mulleres, para seguir loitando polo máis fermoso movemento que se ten creado, o feminismo, que emprega o coñecemento, análise e propostas para transformar o mundo".

Tamén aproveitou a ocasión Carmela Silva para recordar as políticas públicas lideradas pola Deputación de Pontevedra no ámbito da igualdade. "Dende que puxemos no centro da política á igualdade -recordou - temos conseguido que mesmo nos copien outras administracións, que se ven obrigadas a avanzar. Eu síntome moi satisfeita de que isto aconteza así porque precisamos ter políticas de igualdade, unha mirada transversal para transformar e cambiar as cousas". Neste contexto explicou o papel desenvolvido pola goberno provincial dende o 2016, cando se creou a "imprescindible" área de igualdade pero tamén cando comezaron a aplicarse os seus principios de xeito transversal, situando á igualdade "no centro da toma de decisións". A presidenta puxo como exemplo as iniciativas desenvolvidas para visibilizar ás mulleres en todos os ámbitos, "para que teñen plataformas para poder ter presenza, poder e capacidade de liderado", pero tamén os programas impulsados pola institución para loitar contra as violencias machistas e outras iniciativas que se están espallando a igualdade no ámbito urbano e rural. "Estamos conseguindo cambios - afirmou-, con proxectos potentes a través dos que amosamos que a igualdade transforma o mundo, constrúe mellores sociedades e que as mulleres aportamos en todos os ámbitos e temos que traballar para construír espazos diferentes onde non sexamos expulsadas e maltratadas".

Trala inauguración da presidenta tivo lugar a mesa redonda "Violencia sexual como vulneración dos dereitos humanos. O papel das Nacións Unidas" na que interviñeron Nuria Varela, directora xeral de Igualdade do Goberno do Principado de Asturias, e a xurista feminista, escritora, docente e experta internacional en xénero e dereitos humanos, Alda Facio.

Nuria Varela fixo un repaso das distintas políticas de igualdade en España desde o punto de partida da Constitución ata o 2011, e subliñou que a pesar dos avances "importantísimos" que se teñen logrado con leis como a de Igualdade ou a lei contra a Violencia de Xénero, recoñeceu que son necesarios "instrumentos" para avalialas. "Esta arquitectura da igualdade que se foi construíndo se foi desmoronando", apuntou, primeiro polos recortes trala crise do 2008, que reduciu entre 2009 e 2016 o orzamento dedicado á igualdade nun 46%. Varela reclamou desde o congreso que para "seguir a incrementar a eficacia" destas políticas de igualdade precísanse "máis orzamento e máis persoal" en primeiro lugar, amais de dar resposta á cuestións como a abolición da prostitución e trata e, sobre todo, "con instrumentos que posibiliten a transversalidade". Para iso necesítanse "normas xurídicas, persoal formado en igualdade, así como recursos financeiros estables e persuasión, unha maioría social que as respalde".

Pola súa banda Alda Facio repasou o papel de Nacións Unidas na protección da igualdade, afirmando que non foi ata 1993 "cando as mulleres fomos declaradas seres humanos, xa que na Conferencia Mundial de Dereitos Humanos dese ano foi cando se declarou por primeira vez que os dereitos das mulleres eran dereitos humanos e se considerou por vez primeira a violencia contra as mulleres como unha violencia sobre os dereitos humanos". Falou así mesmo da función do Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller (CEDAW) de Nacións Unidas, que estableceu que os Estados deben facer leis de igualdade, e subliñou o retroceso que supuxo a recente pandemia, que non prestou atención nos primeiros momentos á violencia contra as mulleres fronte a situación sanitaria. Facio recoñeceu así mesmo que nos últimos tempos os avances en igualdade "parecen conseguidos" e estase a prestar maior atención "á discriminación do colectivo LGTBIQ+" en detrimento da que sofren as mulleres. "Estase substituíndo igualdade por diversidade; agora non se usa a palabra igualdade senón a inclusión e a de non deixar a ninguén atrás -apuntou-. Hai unha confusión de axendas ou unha proposta de substitución da axenda da igualdade pola da diversidade, e a discriminación LGTBI+ é importante erradicala, pero axenda feminista e axenda da diversidade son distintas". "Só existimos como seres humanos desde hai 25 anos, e xa nos queren borrar", criticou.

Xunto a Alda Facio e Nuria Varela, están a participar tamén nesta primeira sesión do II Encontro Nacional sobre Políticas Públicas, Chis Oliveira, Priscila Retamozo, Luisa Posada, Rosa Cobo, Soledad Murillo, Rosa San Segundo, Isabel Menéndez, Inma Pastor e Águeda Gómez, que afondarán sobre violencia sexual, o lugar que ocupan os estudos feministas na universidade e o papel da igualdade na docencia e investigación. Mañá, 2 de xuño, daranse cita no Castelo de Soutomaior Victoria Rosell, Anna Caballé, Alba González e Asunción Bernárdez, que afondarán, ademais de na violencia contra as mulleres, na resignificación do patrimonio literario e na igualdade na cultura.

Galerias de imaxes

videos