Máis de 150.000 documentos e imaxes históricas do concello de Pontevedra, sistematizadas e accesibles ao público grazas á Deputación e ao seu portal AtoPO

A deputada María Ortega subliña que os fondos  municipais do goberno capitalino son xa os máis numerosos  no buscador só despois dos da propia Deputación

18/10/2022

ARQUIVO PROVINCIAL FONDOS CONCELLO PONTEVEDRA

Máis de 150.000 documentos e imaxes históricas do Concello de Pontevedra están xa sistematizados e serán dixitalizados e accesibles ao público grazas á Deputación e ao seu portal ‘AtoPO’. Calquera persoa interesada poderá acceder ao buscador provincial e consultar  “a golple de click” as referencias de actas plenarias, documentos administrativos e tamén audiovisuais dende 1834 ata 2004 que lle interesen, sempre cumprindo coa normativa de protección de datos vixente. 

Este anuncio da posta a disposición da cidadanía dos fondos municipais de Pontevedra foi dada hoxe a coñecer pola deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico María Ortega, a concelleira de Réxime Interior responsable do Arquivo Municipal Anabel Gulías, os responsables do departamento de Arquivo documental e Audiovisuais provinciais José Luis Castro Carpintero e José María Cumbraos e o arquiveiro municipal Rodrigo Silva.

A deputada María Ortega destacou que a Deputación puxo a disposición do Concello pontevedrés a ferramenta ATOM que utiliza para sistematizar o seu patrimonio documental “igual que o fixo con outras 137 entidades na provincia, evitándolle o gasto de adquirir o sistema e, ademais, permitindo que os seus fondos dixitalizados se poidan subir ao AtoPO e formar parte da guía de patrimonio documental da provincia”.

Nestes momentos o organismo provincial manexa no seu Arquivo 2,2 millóns de referencias  de toda a provincia salvo de Vigo, tendo unha parte pública e outra restrinxida, unha dixitalizada e outra só referenciada. Ortega salientou, de feito, que os fondos do Concello de Pontevedra xa son os máis numerosos no sistema provincial, só por detrás da propia Deputación.

A nacionalista puxo en valor que o persoal do Arquivo, nomeadamente a xefa de servizo Ana Vicente e os responsables de área José Luis Castro Carpintero e José María Cumbraos, leva a traballar máis dun ano na catalogación, revisión, dixitalización e posta en público dos fondos municipais e salientou a importancia de que o traballo se dea a coñecer porque permite “salvagardar dixitalmente e poñer a disposición a golpe de clic moitos momentos da historia vividos polas xentes de Pontevedra”.

O 75% dos documentos municipais

ARQUIVO PROVINCIAL FONDOS CONCELLO PONTEVEDRA

A concelleira Anabel Gulías quixo ofrecer o seu agradecemento a Deputación de Pontevedra por lograr un novo exemplo de colaboración entre ambas as dúas administracións, a través do entendemento e o respecto. A edil sinalou que a nova ferramenta dixital presentada hoxe abre un novo capítulo para Pontevedra.

“Esta ferramenta ofrece un mundo de posibilidades, ofrecéndonos o camiño de seguir avanzando en algo no que estamos empeñadas, que é poñer a disposición da cidadanía toda a documentación que sexa posíbel”, explicou Gulías. “Os arquivos deben estar abertos e accesíbeis ao público, rompendo estereotipos, conectando coa veciñanza”.

O Concello de Pontevedra a día de hoxe realizou un traballo continuo dividido en dúas partes: dunha banda, a xestión da documentación e, doutra banda, a xestión do arquivo audiovisual.

A ferramenta ofrecida pola Deputación permitirá poñer “a golpe de click” moitísimos procedementos administrativos. A dixitalización e a descrición son dous procesos de enorme relevancia, “imprescindíbeis para o manexo de fondos documentais”. A día de hoxe, ao redor do 75 % dos documentos do Arquivo Municipal están xa descritos, o que vén sendo un total de máis de 150.000 documentos, que non todos poden ser publicados —protección de datos e privacidade mediante—, mais si son públicos e accesíbeis.

“Estes documentos serán e son unha fonte enorme de consulta. A día de hoxe, 48.000 destes documentos xa están subidos e 27.000 xa son públicos, xa poden ser consultados na nova ferramenta informática. Entre esta semana e a que vén contamos con ofrecer a totalidade dos nomeados”, finalizou Gulías.

Os fondos, xoias documentais

ARQUIVO PROVINCIAL FONDOS CONCELLO PONTEVEDRA

A sistematización dos fondos municipais grazas ao ATOM da Deputación permitirá a permanencia dixital de fondos físicos que en moitos casos se gardaban en caixas. Algúns dos rexistros correspóndense co propio Concello de Pontevedra, pero hai tamén moitos outros dos que foron os concellos de Xeve , de Salcedo ou de Ponte Sampaio e de coleccións privadas como as de TAFISA, a colección Rafael Vázquez, de Nelson , Isidro Taboada, ‘Paisajes españoles S.A.’ ou a colección documental ‘Fototipia THOMAS CA’.

En paralelo aos fondos documentais tense desenvolto outra actuación específica de catalogación e dixitalización de fondos audiovisuais por parte da Deputción. Están revisadas xa 2.200 (as últimas iranse publicando en AtoPO nos vindeiros días) que amosan  a evolución da vida política, social e cultural da cidade.

Malia que tamén se catalogou e dixitalizou unha colección de fotografías da cidade e os seus arredores procedente de Fototipia Thomas datada entre 1910 e 1920, a maior parte das fotografías percorren as etapas comprendidas entre a alcaldía de Calixto González-Posada (1949-1952) ata a de Javier Cobián Salgado, rematada en 1995.

Durante todo ese espazo temporal, o fondo contén imaxes de actos que dan testemuña da actividade política e institucional do Concello e da cidade: reunións, recepcións na Casa do Concello, visitas de personalidades políticas da ditadura co gallo das festividades propias do réxime ou co da inauguracións de infraestruturas (fábrica de Pontesa, factoría de Celulosas, escolas…), celebracións relixiosas, viaxes dos representantes locais pola península ou ó estranxeiro, relacións con outras localidades…

Neste eido atópanse nas imaxes,  máis aló dos sucesivos alcaldes (Argenti, Landín, Filgueira Valverde –este cunha significación moi especial tamén polo seu papel como director do Museo-, Queizán Taboada, Rivas Fontán) a destacados persoeiros da vida política galega e española do século XX: Franco e os seus ministros, Quiroga Palacios, Fraga Iribarne, Pío Cabanillas, Mario Soares, Fernández Albor, ou Jordi Pujol, entre outros.

As actividades culturais e festivas organizadas polo Concello ou celebradas na cidade teñen tamén cabida no conxunto das imaxes subidas ao AtoPO. Así, pódense atopar bo número de fotos relacionadas coas Festas da Peregrina e as súas celebracións relixiosas e festivas (concertos, actuacións teatrais, probas deportivas…) e tamén imaxes de actividades organizadas polo Museo e outras institucións da cidade. Pola cámaras dos fotógrafos que deixaron testemuña deste tipo de actividades pasaron persoeiros como Cunqueiro, Iglesias Vilarelle, Montserrat Caballé, ou Luis Eduardo Aute.
Tamén é salientable o valor que o fondo gráfico ten para coñecer a evolución urbanística de Pontevedra, os cambios físicos en parroquias, barrios e rúas que aquí se pode observar nun número moi significativo de imaxes, fotografadas moitas delas, posiblemente, para seren incluídas nos respectivos expedientes de obras e infraestruturas.

Por último, o traballo técnico conducente a posta en aberto destes fondos gráficos, subliñaron os técnicos, “debe servir tamén para recoñecer a labor dos fotógrafos que captaron os momentos coas súas cámaras”, con nomes históricos da fotografía local como os de Rafa (pai e fillo), Graña, Chao, Paco, Núñez, Ruiz, C. Gómez, Tomás e outros.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.