As Neves reivindica a súa memoria histórica cun novo libro sobre o seu pasado e coa retirada de simboloxía franquista da vila

A deputada de Memoria Histórica María Ortega asistiu á presentación do libro ‘As Neves. Notas de historia contemporánea 1836/1956’ de Xosé Ramón Paz editado polo Servizo provincial de Patrimonio Documental

18/07/2022

Retirada simboloxía franquista nas Neves  

O pasado venres foi un día de reivindicación da historia contemporánea e da memoria histórica do Concello das Neves. Así se puxo de manifesto no acto organizado polo departamento de Memoria Histórica da Deputación e o propio concello para a presentación do libro 'As Neves. Notas de historia contemporánea 1836/1956' de Xosé Ramón Paz, para conmemorar a retirada de simboloxía franquista (xugos e lanzas da Falanxe) da Fonte de Santo Ignacio e da entrada ao centro de saúde, e tamén pola instalación de paneis divulgativos sobre a represión grazas a fondos provinciais.

O evento contou coa presenza da deputada María Ortega, responsable das áreas de Memoria Histórica e Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación que financiaron tanto o libro como os paneis e as obras de retirada de simboloxía, o alcalde Xose Manuel Rodríguez Méndez, o escritor e historiador Xosé Ramón Paz, así como o investigador Francisco Alonso Toucido, responsable da composición dos paneis informativos sobre a memoria histórica.

A propia deputada subliñou que o Concello das Neves foi dos primeiros que solicitou á Deputación as axudas para a retirada de simboloxía franquista. "Este Concello é hoxe exemplo para moitos outros concellos da provincia. Todos deberían recoller o testemuño e facer ver á súa cidadanía que os símbolos do franquismo aínda seguen en pé e que unha democracia sa debería retiralos e explicar a historia", subliñou.

Destacou que van alá xa dous anos da posta en marcha das subvencións e subliñou a súa esperanza para que aumenten aínda máis "os concellos valentes que solicitan cartos para non mirar a outro lado e erradicar as conmemoracións ou lembranzas do franquismo que aínda se conservan no territorio". Insistiu en que a importancia das actuacións non está no seu custe económico, senón no cumprimento da lei ao retirar elementos que están vencellados coa ditadura para cumprir os principios de 'verdade, xustiza e reparación'.

Durante o acto de eliminación dos símbolos franquistas, o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, subliñou que esta iniciativa da Deputación de Pontevedra permitirá "darlle luz e cor a una zona de escurecida, poñendo sobre a mesa feitos concretos, contrastados e veraces e recuperar unha realidade, poñéndoa á vista para que se coñeza".

Simboloxía franquista e coñecemento da historia

A xornada comezou no lateral da Igrexa das Neves para dar a coñecer os novos paneis informativos da vila, que explican elementos patrimoniais que foron utilizados polo franquismo, xunto co espazo público, como estratexia propagandista enchéndoos de simboloxía. No panel situado ao carón da igrexa destácase, por exemplo, que o listado de persoas caídas tralo golpe no 1936 inclúese xente principalmente do bando 'nacional', pero tamén de quintos aos que simplemente lles 'tocou' estar por obrigación. Eses gravados en pedra non foron retirados polo Concello pola necesidade de autorización da igrexa e cuestións de Patrimonio, mais quíxose deixar clara e explicar a súa simboloxía.

Os outros paneis explicativos de elementos franquistas, como os da Fonte de Santo Ignacio ou o centro de saúde (onde había xugos con lanzas da Falanxe), inclúen tamén pequenos resumos da historia da represión xunto con fotografías antigas tomadas do buscador Atopo da Deputación. Fan referencia a que en As Neves tras o golpe houbo máis de 200 persoas afectadas tanto de maneira física, económica e psicolóxica. "Hai que tomar consciencia de que non só había represión física, chegaba a todos os lugares no espazo público onde miraras", subliña Alonso Toucido.

Pola súa banda, Xosé Ramón Paz explicou na súa intervención a importancia de que os territorios, pobos e vilas dispoñan de investigación e de libros para coñecer a súa historia. Subliñou que o seu libro 'As Neves. Notas de Historia contemporánea, 1836/1956' supón un percorrido por unha selección temporal concreta, que vai dende a fundación do Concello das Neves e o seu funcionamento, sobre a fundación das escolas públicas, o agrarismo e o bugallalismo (as dúas forzas políticas que se alternaron ata a República), como funcionaban os partidos e sindicatos na II República, e un estudo profundo sobre a represión franquista nos seus primeiros anos. "Vemos como as forzas que iniciaron no agrarismo foron represaliadas e os vencedores organizaron eles mesmos a política municipal", afondou.

Paz salientou tamén a importancia de coñecemento da historia como unha ferramenta para o desenvolvemento na sociedade actual. "Dentro dos libros hai coñecemento e sabedoría para aplicar na actualidade", dixo, no mesmo sentido que a deputada de Memoria María Ortega, quen salientou que é preciso retomar as ideas e os valores que foron represaliados e defendelos como compromiso para o desenvolvemento dun país con porvir.

Pola súa banda, o alcalde apuntou que "a memoria ten moitos perfís", e recordou que As Neves é un dos concellos máis novos de Galicia, porque xurdiu en 1905 cando o antigo Concello de Setados cambiou de nome. "Un cambio que tivo que ver coa importancia da economía, pero que abrangue outras realidades", que, apuntou Rodríguez Méndez, Paz Antón presenta no seu traballo, realizado non dende o prisma político senón dende unha perspectiva historicista algo que ten unha especial importancia porque "axúdanos a saber que pasou e ter unha información necesaria para afrontar a realidade do que somos".

Galerias de imaxes

videos

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 20 resultados.