O Arquivo publica unha exposición virtual sobre as edicións de luxo dos seus fondos co gallo do Día das Bibliotecas
Exemplares do ‘Codex Calixtinus’ ou ‘O humorismo gráfico de Castelao’, entre outras pezas facsimilares ou de colaboración de artistas, poden consultarse en sala
17/10/2022
O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación vén de publicar na súa páxina web co gallo do Día das Bibliotecas que se celebrará o vindeiro 24 de outubro un proxecto expositivo dedicado a un tipo de publicacións, as edicións de luxo, que polo seu especial valor e beleza, ocupan un lugar destacado nas coleccións da inmensa maioría de bibliotecas e centros de documentación.
No caso do Arquivo provincial as obras que forman parte deste proxecto expositivo o ‘Codex Calixtinus’, ‘Rosalía de Castro: obra poética e manuscritos’, ‘Itinerarium’, ‘Elas’, ‘O humorismo gráfico de Castelao’, ‘Crónica Geral de Espanha de 1344’, ‘A cociña práctica’, ‘Sempre marzo’, ‘Notas viejas galiciana’s e ‘La vida contemporánea: Emilia Pardo Bazán en su tiempo y en el nuestro’.
A estrutura da mostra consiste basicamente nunha breve información sobre o que son as edicións de luxo, un acceso individualizado á información máis importante dalgunhas das edicións existentes na biblioteca, unha galería de imaxes na que se pode apreciar a curiosidade e beleza deste tipo de obras e finalmente unha ligazón á información máis completa a través do rexistro bibliográfico existente no portal atopo. Estas pezas tan singulares están dispoñibles ao público na modalidade de consulta na sala da biblioteca do edificio do Arquivo (2º andar)
Segundo explica o responsable da Biblioteca provincial do Arquivo Ernesto Trabazo, tal e como se pode observar nalgunhas das principais fontes sobre a materia (Diccionario de bibliología y ciencias afines, de José Martínez de Sousa ou Diccionario del archivero bibliotecario, de Luis García Ejarque) as edicións de luxo adoitan compartir, en liñas xerais, unha serie de características comúns: teñen tiradas curtas e xeralmente numeradas, grande calidade dos materiais empregados na confección, unha esmerada presentación estética e pulcritude na tipografía.
As edicións de luxo que forman parte do fondo da biblioteca do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico son fundamentalmente de dous tipos. O primeiro son as edicións facsimilares, que buscan facer unha reprodución o máis fiel posible de obras de destacada importancia tanto histórica como estética (como pode ser o ‘Codex Calixtinus’); e libros con colaboración de artistas, xa sexa con obras de autoría orixinal ou recompiladas pola editorial (‘Elas’).
Boletín de novidades
Paralelamente á posta en marcha da exposición virtual, o departamento da Biblioteca ten tamén publicada na súa correspondente sección da web o boletín de novidades no que se recollen as últimas incorporacións á colección da biblioteca. Este será remitido tamén vía correo electrónico a todas aquelas persoas que realizasen a correspondente solicitude a través da subscrición.
En total están dispoñibles 63 novos títulos na modalidade de préstamo relacionados na súa práctica totalidade desde o punto de vista da súa autoría, edición ou temática co ámbito galego e nunha alta porcentaxe coa provincia de Pontevedra. Dos 63 novos títulos, máis dun 95% (60) está en lingua galega, 37 pertencen a editoriais privadas e os outros 26 corresponden a asociacións ou institucións de carácter público.