O pleno da Deputación aproba a contratación do novo acordo marco para o mantemento da rede viaria cun investimento de 4,4 millóns anuais

A sesión tamén serviu para aprobar a relación de postos de traballo, ampliar as vixencias da anualidade de 2022 do Plan Concellos e do convenio co Concello de Pontevedra para construír o viario de Montecelo e o cambio de titularidade de dúas estradas

24/11/2023

El presidente da Deputación votando no pleno

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres, en sesión plenaria ordinaria, o expediente de contratación para un acordo marco que regulará o mantemento da rede de estradas de titularidade provincial, que suporá un investimento de 4,4 millóns anuais. O acto, que tivo lugar no salón de plenos do Pazo provincial, serviu tamén para aprobar definitivamente a modificación do cadro de persoal e a relación de postos de traballo do organismo provincial, así como a prórroga do Plan Concellos correspondente á anualidade de 2022, unha addenda ao convenio entre a Deputación e o Concello de Pontevedra para a construción do viario perimetral do Hospital Montecelo ata finais de 2024 e, finalmente, o cambio de titularidade de dous treitos de estradas provinciais, que pasarán a pertencer aos concellos das Neves e do Grove.

Durante o debate, aprobáronse tamén dúas mocións presentadas polos grupos políticos. A primeira, presentada polos populares, consistía en instar o Goberno central a axilizar os pagos aos concellos da provincia de Pontevedra beneficiarios das axudas do IDAE e do programa EDUSI. Mentres que os socialistas aprobaron a súa petición para instar a Deputación para que se ofrecese a acoller persoas migrantes nas instalacións de Príncipe Felipe, proposta na que o grupo popular se abstivo pola negativa dos socialistas de aceptar unha emenda na que os populares demandaban unha mellor coordinación por parte do Goberno coas administracións locais.

O primeiro punto de debate na orde do día centrouse en aprobar o expediente de contratación mediante procedemento aberto do “Acordo marco para a contratación das obras de conservación de firmes na rede viaria da Deputación de Pontevedra”, cun orzamento base de licitación de 4,4 millóns de euros. Un proxecto que divide os viarios da provincia en seis lotes e que contempla a aprobación de ata tres prórrogas anuais. Tamén se aprobou a resolución de alegacións e a modificación do cadro de persoal e relacións de postos de traballo. As alegacións presentadas foron desestimadas co respaldo do persoal técnico da Deputación e mantense, coma no expediente inicial aprobado no pleno de setembro, o encadramento das prazas de auxiliar técnica ou técnico xurídico na escala de Administración especial.

Saíron adiante por unanimidade os acordos para a prórroga da vixencia durante un ano máis, ata o 31 de decembro de 2024, da anualidade correspondente a 2022 do Plan Concellos e do convenio entre a Deputación e o Concello de Pontevedra para a construción do novo viario que rodeará o Hospital Montecelo. No primeiro caso, a razón que levou a formular esta solución foi o elevado número de investimentos que están pendentes de xustificar, mentres que, no segundo, se debe á imposibilidade de rematar a obra no prazo establecido. Tamén houbo acordo total á hora de aprobar a transferencia ao Concello das Neves do treito inicial da EP-4204 que conecta o núcleo das Neves coa Estación, así como de catro treitos antigos da EP-9101, que pasan a mans do Concello do Grove.

A sesión rematou coa aprobación da moción presentada polo grupo popular, que contou co apoio dos deputados do BNG e coa abstención dos socialistas, na que se acordou solicitarlle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a axilización dos pagos das subvencións de todos os programas de eficiencia enerxética aos concellos beneficiarios da provincia de Pontevedra que teñan os investimentos e os programas executados, xustificados e certificados e que acometa a transferencia destes fondos antes de que remate o presente ano. Unha petición que lle fan extensible ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a axilización dos pagos das subvencións concedidas ao abeiro da estratexia EDUSI. Ao mesmo tempo, foi aprobada a moción do grupo socialista, cos votos favorables do PSOE e do BNG e coa abstención do PP, na que acordaron instar o Goberno provincial a que lle comunique á Delegación do Goberno en Galicia a dispoñibilidade para acoller temporalmente a 35 persoas migrantes como mostra de solidariedade ante a crise migratoria que está a sufrir a Comunidade Autónoma de Canarias. Pola contra rexeitouse a proposta do grupo socialista para destinar os 4 millóns de euros do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas aprobado polo Goberno provincial a sufragar os gastos de reparación dos danos causados polos temporais nos concellos da provincia.