O Pleno da Deputación esíxelle ao Goberno central que palíe a suba das peaxes nas autoestradas da AP-53 e da AP-9 e axilice a transferencia desta última a Galicia
A sesión plenaria serviu tamén para aprobar por unanimidade a adhesión de Baiona ao convenio para a inspección e a vixilancia en materia de residuos e para a transferencia da titularidade de dous treitos das EP-7001 e EP-7203 ao Concello de Forcarei
30/01/2024
O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este martes solicitarlle ao Goberno central a liberación da peaxe da AP-53, que une Santiago de Compostela e Dozón, ao mesmo tempo que reiterou o seu rexeitamento contra a suba das peaxes desta autoestrada e tamén da AP-9, así como avanzar na transferencia da titularidade desta última á Xunta de Galicia. Estas sesións plenarias serviron tamén para aceptar a encomenda do Concello de Baiona para sumarse ao servizo de inspección e vixilancia en materia de residuos municipais; ademais, informouse da renuncia de Carlos López Font, o voceiro do grupo socialista, como deputado provincial.
O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, foi o encargado de defender a moción contra a suba das peaxes nas autoestradas que discorren pola provincia, a AP-9 e a AP-53. “Co inicio do 2024 confirmouse, unha vez máis, unha nova suba das peaxes na autoestrada estatal, a AP-9, que acada o 6,55 %. A esta suba súmase tamén a efectuada na AP-53, que chega a aumentar un 5,07 % nas tarifas entre Santiago de Compostela e Lalín”, lamentou o deputado, quen denunciou o “agravio comparativo” que están a padecer as galegas e galegos con respecto ao resto de autoestradas de competencia da Administración central, “posto que a tendencia é rebaixar as peaxes, todo o contrario do que se está a aplicar en Galicia”. Neste sentido, desde o grupo provincial do PP instan o Goberno central a seguir o exemplo da Xunta, que conxelou por segundo ano consecutivo as autoestradas autonómicas entre Vigo e Baiona e entre A Coruña e Carballo, ou que iguale o treito da AP-53 entre Dozón e Santiago de Compostela co que une Ourense e Lalín, que o Goberno autonómico mantén gratuíto.
Por estes motivos, propuxéronlle ao Pleno unha proposta de acordo, que saíu adiante cos votos do grupo do PP e do BNG, consistente en expresar o rexeitamento da Corporación provincial contra a suba de peaxes do Goberno central, esixirlle ao Goberno de España os correspondentes avances na transferencia a Galicia da titularidade da autoestrada AP-9 e solicitarlle tamén a liberación da peaxe do treito da AP-53 entre Santiago de Compostela e Dozón para igualala coa autoestrada autonómica que chega a Ourense.
Por outra banda, houbo unanimidade para aprobar a unión do Concello de Baiona ao convenio para que a Deputación de Pontevedra asuma a prestación do servizo de vixilancia e inspección en materia de residuos; un acordo que busca mellorar as cifras de separación de residuos para cumprir coa normativa europea do que xa forman parte quince concellos da provincia e que dispón dun orzamento de preto de medio millón de euros. Tamén votaron a favor as deputadas e deputados dos tres grupos da Corporación provincial para o cambio de titularidade en favor do Concello de Forcarei de catro treitos, dous antigos da EP-7001 e outros dous da EP-7203.
Antes, o presidente da Deputación, Luis López, deu conta da renuncia ao seu cargo de deputado provincial do voceiro do PSOE, Carlos López Font, que deixa o seu posto pola súa presentación como candidato ás vindeiras eleccións ao Parlamento de Galicia. Unha renuncia que suscitou palabras de recoñecemento dos voceiros do resto de grupos, Jorge Cubela (PP) e César Mosquera (BNG). A nova voceira do grupo socialista será a viguesa Ana Laura Iglesias, mentres que o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, será o substituto de López Font na corporación.
A xornada rematou coa celebración dun segundo Pleno extraordinario, no que se debateron dúas mocións presentadas polo grupo socialista que non saíron adiante; unha na que esixían a licitación inmediata da primeira fase das obras da EP-2702 entre Amoedo e Os Valos, no concello de Pazos de Borbén; e outra relacionada coa vertedura de microplásticos no litoral galego para que a Deputación de Pontevedra aprobe un plan específico de axudas para os concellos afectados pola chegada dos pélet.