Luz verde da Deputación ás obras que dotarán a estrada de Almofrei de itinerarios peonís seguros

O pleno aprobou o expediente de declaración de utilidade pública e o proxecto das obras da EP-0405, en Cerdedo-Cotobade

21/05/2023

O pleno da Deputación aprobou definitivamente o expediente de declaración de utilidade pública e do proxecto das obras de ensanche e mellora da estrada de Almofrei (EP-0405), no concello de Cerdedo-Cotobade, que suporá a transformación integral desta infraestrutura ao longo dos seus 1,5 km de lonxitude. A aprobación inicial do proxecto e o expediente de expropiación produciuse no pleno de febreiro e, trala finalización da exposición pública, a institución provincial dá o último paso para poder iniciar a licitación e execución dunhas obras enmarcadas no modelo de mobilidade amable, sostible e segura da Deputación. O proxecto xa contaba tamén co visto bo da veciñanza de Almofrei, con quen a institución mantivo un encontro da man do deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís. Coa luz verde do pleno aprobouse definitivamente o proxecto e deu visto bo á modificación do expediente de expropiación para incluír a afectación parcial dunha parcela.

O proxecto da Deputación de Pontevedra na EP-0405 ten un orzamento de preto dun millón de euros e transformará esta infraestrutura viaria entre Xesteira e Almofrei coa creación de vías seguras para o tránsito peonil na totalidade do seu trazado. Deste xeito, dotarase de tres tramos de sendas peonís de 2,5 metros de ancho que suman máis de 800 metros de lonxitude. Tamén de dous espazos de convivencia con plataforma elevada nos puntos de maior presión residencial, que suman entre os dous outros preto de 300 metros, acabados en formigón coloreado con bandas transversais de pedra. Finalmente, un tramo de preto de 400 metros de cuneta transitable con boas condicións para a mobilidade a pé, dun metro de ancho e localizada no inicio da estrada. Todo isto fará que a estrada de Almofrei se converta nun eixe integral de mobilidade onde as persoas terán prioridade fronte –e nesta orde– ás e aos ciclistas, o transporte público e, finalmente, os vehículos privados.

Ademais dos itinerarios peonís seguros, as obras na estrada de Almofrei inclúen a instalación de redutores físicos de velocidade, nova sinalización vertical e horizontal, a reposición de todos os servizos afectados, a execución dunha nova rede soterrada de recollida de augas pluviais así como a preinstalación para facilitar unha futura renovación da rede de alumeado público.