A Deputación agradece á veciñanza o apoio para o proxecto de humanización da estrada de Almofrei que leva tratando de impulsar dende hai máis dun ano

Gregorio Agís mantivo unha xuntanza informativa para dar conta dunha actuación que garante a seguridade e a mobilidade peonil na totalidade do trazado

10/05/2022

Almofrei

Medio centenar de residentes en Almofrei asistiron á xuntanza informativa convocada pola Deputación na Casa do Pobo para explicar o proxecto integral de transformación da estrada provincial EP-0405 ao longo dos 1,5 Km do seu trazado. Unha obra valorada en 957.890 euros e que supón convertela nunha vía “amable” para as persoas que camiñan e que a Administración provincial está tratando de impulsar dende que hai xa máis dun ano presentou o proxecto ao Concello coa encomenda de materializar a cesión dos terreos afectados e aprobar o convenio de colaboración.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, acompañado de técnicos do departamento de Infraestruturas, explicou os detalles da actuación e respondeu ás preguntas da veciñanza. Nun ambiente de cordialidade, obtivo o respaldo a un ambicioso proxecto que supón aplicar criterios de máxima calidade a unha estrada que pasará a dispor de dúas plataformas elevadas de convivencia ao longo de 282 metros lineais ao paso polos dous núcleos de poboación; outros 842 metros en tramos de senda peonil de 2,5 metros de anchura e, no tramo inicial, doutros 380 metros de cuneta transitable que tamén permite o paso dos peóns.  A vía pasará, ademais, a contar cunha rede soterrada de recollida de augas pluviais e a preinstalación para servizos municipais como o alumeado público.

Agís debullou, apoiándose en proxeccións, un proxecto que xa foi anticipado ao alcalde, Jorge Cubela, en dúas xuntanzas celebradas en febreiro e xuño de 2021. Explicou o responsable provincial de Infraestruturas que a Deputación comunicoulle tamén ao rexedor a proposta de convenio pola que asume o financiamento do 70% da actuación, como é norma cando as obras inclúen labores de urbanización. O propio Cubela, que estivo presente na xuntanza celebrada onte en Almofrei, informou de que agora xa dispón de tódolos terreos menos un, no que podería ser necesario acudir ao mecanismo da expropiación, e de que entregou onte a documentación por Rexistro.

Durante a xuntanza coa veciñanza, o deputado provincial tamén comparou o actual proxecto, de case un millón de euros, co que a Deputación licitou en 2015, nos últimos días de Rafael Louzán na Presidencia, no marco dun lote de estradas provinciais que levaban varios anos anunciadas e sen executar. Aquel proxecto, detallou Agís, era de 558.611 euros e tan só consistía en desmontes para eliminar curvas e dotar á estrada dunha plataforma de 9 metros sen un só metro de espazos reservados para as persoas. “Era un proxecto de asfalto puro e duro, unha invitación á velocidade; unha obra que menos mal que decidimos parar porque era unha barbaridade que moi pronto teriamos que ter corrixido”. O deputado engadiu que a veciñanza gozará, en canto o concello aprobe o convenio remitido pola Deputación, “dunha estrada do século XXI que será segura e que revalorizará un espazo moi fermoso e dun gran valor etnográfico e natural”.

Gregorio Agís agradeceu á veciñanza a súa acollida, o interese e a participación e, sobre todo, o apoio a un proxecto que foi redactado “co máximo interese, tendo en conta os criterios de mobilidade integral que a Deputación defende e que a converteron nun modelo internacional, pero tamén os valores dun lugar como Almofrei, que hai que coidar entre todos e todas”. “Un proxecto que presentamos hai un ano e que, unha vez que o Concello complete as súas obrigas poñeremos en marcha para a súa licitación e execución”.