A Deputación abre este luns o prazo para solicitar as axudas do Plan +Xuventude que repartirá 120.000 €, 20.000 € máis que o pasado ano, entre asociacións xuvenís sen ánimo de lucro da provincia
As entidades poderán recibir ata un máximo de 5.000 euros para poñer en marcha iniciativas de interese social. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 14 de marzo
16/02/2025
A Deputación de Pontevedra abre este luns o prazo para solicitar as axudas da segunda convocatoria do Plan +Xuventude que neste 2025 repartirá 120.000 €, 20.000 € máis que o pasado ano, entre as asociacións xuvenís sen ánimo de lucro da provincia. As entidades poderán recibir ata un máximo de 5.000 euros para poñer en marcha iniciativas de interese social e o prazo de solicitude desta liña de axudas permanecerá aberto ata o 14 de marzo.
En liñas xerais, as axudas do Plan +Xuventude están dirixidas tanto a asociacións xuvenís sen ánimo de lucro que prestan servizos dirixidos á xuventude como a grupos formados por entre 3 e 8 persoas de 18 a 35 anos que propoñan a realización dun proxecto de interese social. As propostas deben favorecer e promover o desenvolvemento persoal e comunitario, contribuír ao apoderamento xuvenil, á formación en valores ou á consecución de hábitos saudables, e tamén enriquecer a vida social, económica, científica e cultural da provincia.
Pódense presentar ao Plan +Xuventude proxectos englobados en diferentes áreas: Iniciativa empresarial; vida saudable e loita conta a violencia e conductas de risco; fomento da cultura en todas as súas áreas, da innovación así como a promoción de sectores coma o científico, tecnolóxico e dixital, as ciencias xurídicas e as sociais; creación de Consellos Locais de Xuventude e o fomento do asociacionismo e voluntariado xuvenil; promoción do desenvolvemento e dinamización do medio rural, a loita contra a soidade non desexada, así como proxectos que teñan impacto no rural dende a perspectiva de reto demográfico.