Luis López anuncia o reparto de 80.000 euros entre 17 entidades xuvenís de dez concellos da provincia ao abeiro do +Xuventude

Trátase da “primeira liña de achegas da historia da Deputación dirixida á mocidade da provincia” que destinará ata 5.000 euros para que as asociacións xuvenís desenvolvan os seus proxectos

20/09/2024

Conferencia de prensa de Luis López

Luis López anunciou hoxe que a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde ao reparto de 80.000 euros do Plan +Xuventude, a primeira liña de achegas da entidade provincial dirixida á mocidade, para que 17 entidades xuvenís de dez concellos da provincia (A Guarda, Barro, Bueu, Cangas, Meis, Pontevedra, O Rosal, Silleda, Vigo e Vilagarcía) poidan desenvolver os seus proxectos. "Sen dúbida algunha, temos moito futuro coa nosa mocidade e por iso este goberno provincial vai seguir impulsando iniciativas para estar ao seu carón", confirmou o presidente provincial.

Con estes recursos as entidades xuvenís poderán financiar proxectos relacionados coa música e as artes, contra o despoboamento, de promoción de hábito saudables, inclusión, medio ambiente, tradicións, educación, deporte, ciencia ou actividades lúdicas. Cada asociación ou grupo recibirá ata 5.000 euros para financiar "proxectos que demostran que a xuventude da nosa provincia ten moitas iniciativas, moito talento e está moi comprometida", asegurou López.

Ademais, o presidente provincial adiantou que o vindeiro xoves 26 de setembro o Salón de Plenos do Pazo provincial acollerá un encontro no que participarán todas as asociacións e grupos que reciben achegas deste Plan +Xuventude para financiar os seus proxectos.

 

Ligazóns de interese

videos

audios