A Deputación ultima o prazo para solicitar os 120.000 euros de axudas do Plan +Xuventude ás asociacións xuvenís sen ánimo de lucro da provincia

As entidades poderán presentar ata o 14 de marzo os seus proxectos de interese social nos que a xuventude participe de forma activa e directa e aos que a Deputación achegará ata un máximo de 5.000 euros

06/03/2025

A Deputación de Pontevedra pecha o próximo venres 14 de marzo o prazo para solicitar as axudas da segunda convocatoria do Plan +Xuventude, que este 2025 repartirá 120.000 € (20.000 € máis que o pasado ano) entre as asociacións xuvenís sen ánimo de lucro da provincia. As entidades poderán recibir ata un máximo de 5.000 euros para poñer en marcha proxectos nos que a xuventude participe de forma activa e directa, con actividades concibidas por eles mesmos e nas cales sexan protagonistas.

As axudas do Plan +Xuventude están dirixidas tanto a asociacións xuvenís sen ánimo de lucro que prestan servizos dirixidos á xuventude como tamén a grupos formados por persoas de entre 18 a 35 anos (neste caso, cun mínimo de tres integrantes e un máximo de oito) que propoñan a realización dun proxecto de interese social. As propostas deben favorecer e promover o desenvolvemento persoal e comunitario, contribuír ao apoderamento xuvenil, á formación en valores ou á consecución de hábitos saudables, e tamén enriquecer a vida social, económica, científica e cultural da provincia.

Pódense presentar ao Plan +Xuventude proxectos englobados nas seguintes áreas: Iniciativa empresarial; vida saudable e loita conta a violencia e conductas de risco; fomento da cultura, da innovación e a promoción dos sectores científico, tecnolóxico e dixital, das ciencias xurídicas e as ciencias sociais; creación de Consellos Locais de Xuventude e fomento do asociacionismo e voluntariado xuvenil; promoción do desenvolvemento e dinamización do medio rural e, por último, a protección do medio e a loita contra o cambio climático.