A Facultade Ágora comeza unha nova etapa de formación sobre o espazo público para que aos concellos “non lles treman as pernas ante a decisión de restrinxir os coches”

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez inaugurou hoxe o primeiro ‘Obradoiro Ágora’ para abordar de maneira práctica como mellorar o deseño urbano

16/06/2022

Facultade Ágora

A ‘Facultade Ágora’ da Deputación comezou hoxe unha nova etapa de formación sobre o espazo público para que aos concellos da provincia “non lles treman as pernas ante a decisión de restrinxir os coches”.  Para iso celebrouse este xoves, da man da Rede de Cidades que Camiñan e o xeógrafo Marius Navazo, o primeiro ‘Obradoiro Ágora’ ao que asistiron representantes políticos e técnicos de moi diferentes puntos de Pontevedra que abordaron de maneira práctica como mellorar o deseño urbano.

Segundo subliñou o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos Uxío Benítez, a Deputación pretende “revolucionar o espazo público da provincia ampliándoo para as persoas”. Para iso puxo en marcha a Facultade Ágora, que o ano pasado foi fundamentalmente teórica e multidisciplinar, e que neste exercicio pretende baixar á práctica e resolver problemas cotiás. “A teoría haina que aplicar. Todo o mundo está de acordo coa filosofía de recuperar o espazo público para as persoas, pero na práctica e á hora de tomar decisións concretas, tremen as pernas ante restrinxir os coches”, insistiu.

O deputado salientou que a Deputación quere poñer sobre a mesa que hai máis concellos ademais de Pontevedra, recoñecida internacionalmente polo seu “potente modelo”, que están a traballar nunha boa dirección transformando os seus núcleos. Así, os ‘Obradoiros Ágora’ celebraranse en diferentes localidades. Hoxe a primeira sesión foi en A Estrada, onde se analizaron as últimas actuacións de humanización e se debateron cales deberían ser as mellores fórmulas para que o espazo público sexa da máxima calidade.

A xornada desenvolveuse cunha metodoloxía innovadora. Inicialmente o grupo participante –sen coñecemento previo da localidade- realizou unha ‘deriva de observación’ polo centro da vila, tirando fotografías de obras, de deseños urbanos ou de elementos que chamaran a súa atención, tanto dende o punto de vista positivo como negativo.

Despois chegou o momento no que o alcalde José López Campos e o técnico local Daniel Orrea explicaron as obras realizadas -entre outras a que está a recuperar máis de 2.800 metros cadrados para as persoas na Praza da Feira con fondos europeos e provinciais-, para finalmente rematar a mañá analizando os elementos construtivos e debatendo sobre as imaxes tomadas a primeira hora. Xa pola tarde o programa incluía unha visita comentada ás obras do lugar.

O caso da Estrada: retorno moi positivo e moi rápido
O deputado Uxío Benítez salientou que o primeiro ‘Obradoiro Ágora’ celebrouse en A Estrada por considerar que o concello é un dos ‘buques insignia’ do ‘Modelo Ágora’ pola súa filosofía e decisión de apostar por transformar e de recuperar espazos para as persoas. O alcalde, pola súa banda, recoñeceu que a creación da Rede Ágora de Concellos Polo Espazo Público da Deputación foi un “acerto absoluto” porque “as vilas necesitábamos orientación nun camiño que non é sinxelo, e o ‘think tank’ é importante telo. Temos que ver onde funcionan os modelos e non cometer os mesmos erros que outros antes”.

López Campos indicou que a intención do goberno local é ser “unha pata máis do proxecto de desenvolvemento urbano de Galiza” , salientando que hai un criterio político claro por recuperar a vila para as persoas e tamén unha planificación estratéxica que se une á interacción coa cidadanía.

O rexedor asegurou que o pulo máis importante para peonalizar boa parte do núcleo urbano chegou grazas á pandemia, que deu a oportunidade de pechar rúas ao tráfico e de sensibilizar á cidadanía da necesidade de ter espazo público de calidade. “Cando pasou o máis grave da COVID non se abriron esas rúas. Tiñamos as cousas claras e aguantamos a presión dos que o pedían. O comercio deunos un voto de confianza e cremos que o retorno foi máis favorable e inmediato do que contabamos”, salientou, engadindo que “o difícil de recuperar espazo público é dar o primeiro paso. Estamos inmersos nunha viaxe interesante que nos leva a ser as cidades do futuro”.

Metodoloxía innovadora: deriva de observación
Entre os aspectos prácticos que se debateron na sesión, co debate coas fotos da ‘deriva de observación’, abordouse a necesidade de deseñar correctamente as plataformas únicas para non marcar itinerarios diferenciados para as e os peóns e os vehículos.

O xeógrafo Marius Navazo salientou a necesidade de escapar dos deseños convencionais que, a pesares de poñer toda a rúa a nivel, manteñen o espazo central para os coches permitindo así que se manteña a xerarquía que coloca os vehículos como o máis importante usuario do lugar. “Non hai que facer un ‘pasillo’ cos elementos do mobiliario urbano aos lados, temos que xogar cos pavimentos e non marcar un itinerario rectilíneo. Temos que facer que aos coches non lles quede claro o seu espazo de circulación, que o busquen, porque así foméntase a convivencia”, subliñou.

O técnico de A Estrada Daniel Orrea apuntou pola súa banda que nalgunhas rúas da vila acábase de implantar a plataforma única e restrinxir o tráfico, estando o proceso de peonalización aínda aberto. Salientou que unha vez completada a zona de aglomerado para igualala en altura coas beirarrúas é preciso agora modificar a disposición do mobiliario urbano, a iluminación e tamén a situación dos colectores de residuos. Dese xeito, subliñaron todas e todos os especialistas no debate, quedará claro que o deseño da rúa se fixo para que as persoas sexan as protagonistas e non para os coches.

Tamén se tratou obradoiro a necesidade ou non de instalar bolardos para evitar os usos abusivos dos espazos por parte dos coches. A idea xeral foi que é mellor evitalos, sen embargo recoñeceuse que en moitas ocasións hai solucións que non saen adiante se non se instalan. “Os bolardos desaparecen dos formatos que queremos das nosas vilas. Antes os coches estaban sempre enriba das beirarrúas. Eran outros tempos...Agora só deberían valer para fins concretos”, subliñaron.

Asistiron ao obradoiro de A Estrada representantes políticos e técnicos de concellos de Tomiño, A Cañiza, Tui, Pontecesures, Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa, Vilaboa, entre outros, así como persoal provincial responsable da redacción de proxectos de reforma urbana, e integrantes de consultoras que traballan para as administracións públicas, sendo a asistencia restrinxida pola súa tipoloxía práctica. Os seguintes ‘Obradoiros Ágora’ celebraranse en Tomiño, Ponteareas e Vilagarcía de Arousa.

Galerias de imaxes