A comitiva coñeceu actuacións de mellora urbana xa finalizadas en Ponte Caldelas, Gondomar, Tomiño e O Rosal nas que se aplicou a filosofía Ágora

A Deputación de Cádiz leva “no peto” exemplos prácticos e “ideas chave” de como recuperar con calidade urbana o espazo público para as persoas.

12/01/2023

Visita da Deputación de Cádiz a Ponte Caldelas

Durante a mañá de hoxe a comitiva formada polo vicepresidente segundo Francisco Javier Vidal e a directora da área de Transición Ecolóxica María Teresa Fernández coñeceron as obras que xa recolleron na realidade a filosofía da Rede Ágora da Deputación de Pontevedra que busca devolver ás persoas os espazos invadidos polos coches nas últimas décadas.

As visitas resultaron produtivas xa que a comitiva recolleu exemplos e ideas moi diversas de transformacións urbanas en concellos distintos da provincia pontevedresa que, en xeral, poderían ser aplicables con adaptacións ao seu ámbito, tendo en conta as características propias de cada lugar.

Todas as actuacións de transformación foron explicadas por persoal técnico da Deputación –o asesor Jesús Fole, o director de Mobilidade Daniel Romay e o técnico Martín Barreiro, técnico Ágora- xunto a representantes das Alcaldías e persoal técnico municipal. A impresión amosada foi moi satisfactoria por parte das visitantes, que parabenizaron tanto á Deputación por dar soporte técnico e fondos para realizar as obras, como aos concellos por levar adiante as propostas e contar agora con máis espazo para as persoas.

A mañá comezou en Ponte Caldelas, xa que por motivos de axenda última hora non foi posible visitar o concello de Poio. Alí a comitiva foi recibida polo alcalde Andrés Díaz, quen explicou os traballos feitos nos últimos anos que comezaron coa remodelación da Praza de España, obra que deu o pistoletazo de saída ao cambio de modelo. Continuouse o percorrido pola praza de Frei Antonio Orge, a avenida de Vigo e outras intervencións, onde se comprobou que todas as actuacións proxectadas e feitas nos últimos anos seguen o modelo de recuperación do espazo público para as persoas tal e como se recolle nos principios da Rede Ágora impulsada polo departamento de Mobilidade provincial, sendo executadas grazas á Deputación e os fondos do Plan Concellos e o ReacPon.

Logo de Ponte Caldelas as representantes da Deputación de Cádiz seguiron coñecendo exemplos prácticos da aplicación da filosofía Ágora en Gondomar. Alí foron recibidos polo alcalde Paco Ferreira e a deputada Iria Lamas e os arquitectos Pedro González e Pablo Muíños. A visita centrouse nas obras de transformación da praza da Paradela, que antes estaba cortada por unha estrada autonómica e agora é un núcleo de centralidade, e tamén pola praza de Rosalía de Castro, recentemente inaugurada e na que se recuperaron para as persoas máis de 1.300 metros cadrados.

Xusto antes da comida, a seguinte parada foi o concello de Tomiño, onde tanto a alcaldesa como o deputado de Mobilidade e tamén concelleiro da localidade Uxío Benítez explicaron a transformación global de toda a vila.  Entre outras zonas concretáronse datos sobre as obras do núcleo do Seixo, a parroquia de Figueiró –onde se creou un núcleo de centralidade- e a zona de Goián, na que se recuperaron para as persoas 20.000 metros cadrados.

O deputado de Mobilidade salientou tres mensaxes que, segundo asegurou, permiten facer transformacións do espazo público a todos os concellos e poden ser trasladables á provincia andaluza: ter unha planificación e unha estratexia para que non exista improvisación; determinación e valentía para levar adiante as propostas ante as posibles críticas; e tamén a aposta pola calidade urbana.

Pola súa banda, xa pola tarde, a alcaldesa do Rosal recibía á comitiva gaditana destacando que a Praza do Calvario transformouse nun espazo público de calidade e en maiúsculas, sen barreiras, inclusivo, igualitario, democrático e accesible. “Convertemos un aparcamento e unha rotonda no centro neurálxico de interacción social, de convivencia, creando un espazo seguro, amable, saudable, moito máis verde no que potenciar a actividade económica de proximidade, o comercio e o consumo local”, salientou, lembrando que antes da reforma o 64% do espazo estaba ocupado polos coches.

Galerias de imaxes