A Deputación abre unha nova convocatoria para repartir outros 900.000 euros para a redacción de proxectos de recuperación do espazo público

Todos os concellos Ágora poden presentar solicitudes para recibir fondos ata o 18 de xaneiro

29/12/2022

A Deputación vén de abrir unha nova convocatoria da Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público que pretende repartir entre os municipios da provincia outros 900.000 euros para a redacción de proxectos de mellora de espazos urbanos de estancia, peonalizacións, sendas peonís e ciclistas e outro tipo de actuación que mellorarán a calidade urbana de vilas e núcleos favorecendo a mobilidade a pé e en bicicleta. Todos os concellos adheridos á rede –xa se beneficiaran de axudas anteriores ou non- poderán presentar as súas solicitudes para recibir os fondos ata o 18 de xaneiro.

Segundo explica o deputado Uxío Benítez, esta nova convocatoria ábrese dado o interese amosado por moitos concellos que esgotaran o seu crédito dispoñible a pesares de ter máis proxectos que presentar na anterior edición. As axudas, lembra o nacionalista, están destinadas aos concellos adheridos á rede Ágora de menos de 50.000 habitantes, que poden recibir o 90% do custe de redacción dos proxectos ata un máximo de 50.000 € por concello.

Contémplanse dúas casuísticas: a primeira é a redacción de proxectos de recuperación de espazos que actualmente están ocupados por tráfico a motor para devolvérllelos ás persoas. A segunda é para redactar proxectos de creación ou mellora de espazos segregados para a circulación peonil e ciclista, é dicir, para sendas peonís ou ciclistas anexas a vías existentes que non contan na actualidade con espazos adecuados para este tipo de desprazamentos.

No caso de recuperación de espazos, o proxecto debe supoñer un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade, e os espazos gañados para as e os peóns deberán ter unha superficie mínima de 300 metros cadrados. No caso de creación ou mellora dun espazo segregado de circulación peonil e/ou ciclista onde non existía un espazo adecuado para este tipo de mobilidades o itinerario peonil deberá ter unha superficie mínima de 100 metros e un largo mínimo de 2,5 metros. Finalmente, o proxecto pode combinar as dúas casuísticas seguindo os criterios establecidos nas bases.

Ás axudas de 2022 presentáronse 28 concellos da provincia que tiñan interese en redactar 76 proxectos de mellora de espazos urbanos de estancia, peonalizacións (que suporán a recuperación de máis de 105.000 metros cadrados de espazo público) e sendas peonís e ciclistas (que suporán a construción de máis de 13 quilómetros lineais de itinerarios para a mobilidade natural).

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.